20 de nov. de 2018

O MORRAZO

Cangas acolle unha xornada de teatro protagonizada por persoas con problemas de saúde mental 

• O encontro terá lugar o xoves 22 de novembro no Auditorio Municipal de Cangas e nel participarán seis asociacións de saúde mental procedentes de toda Galicia. 

• Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contra o estigma que sofre o colectivo amosando as súas capacidades, talento e creatividade.  


Ana Escrigas Rodríguez / Cangas

 O Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo acollerá a “IV Xornadas Teatro É Saúde Mental”, un encontro organizado pola asociación DOA Saúde Mental, coa colaboración de Saúde Mental FEAFES Galicia, no que participarán seis asociacións de saúde mental procedentes de toda Galicia. Esta actividade permite, entre outras cousas, afondar e incentivar o emprego do teatro como ferramenta terapéutica, a través da cal as persoas con problemas de saúde mental poden expresar sentimentos, situacións e sensacións. 

 A xornada terá lugar o xoves 22 de novembro de 09:30 a 19:00. As asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Avelaíña (A Guarda), A Mariña (Burela), Apem (A Coruña e Carballo), Morea (O Barco) e Doa serán as encargadas de interpretar un total de nove funcións nas que os protagonistas son as persoas usuarias das asociacións. Entre estas funcións, diversos actores coñecidos do espectáculo galego como Nelson Quinteiro, Fran Paredes, María Salgueiro e Santiago Cortegoso, amenizarán a xornada durante os cambios de obra. 

Compoñentes de Doa nunha edición precedente das xornadas de Teatro 

 A temática e posta en escena das obras inclúe todo tipo de estilos, dende funcións de contido sensibilizador ata sketches cómicos e adaptacións de obras clásicas. Trátase de espectáculos preparados nos grupos de teatro das entidades, onde as persoas usuarias traballan dende o texto ata a construción das personaxes, a posta en escena e o decorado. Deste xeito, poñen en marcha diferentes manifestacións artísticas e fomentan a creatividade como medio de expresión e diversión. 

 O obxectivo deste encontro, no que se estima unha participación de máis de 200 persoas, é compartir unha xornada lúdica e creativa onde superar os estigmas das enfermidades mentais mediante o contacto e o intercambio de experiencias entre as distintas asociacións. Ademáis, este tipo de actividades permiten poñer de manifesto o traballo, talento e creatividade das persoas con problemas de saúde mental, facendo fincapé nas súas capacidades e normalizando a percepción social que hai cara elas.  

DOA Saúde Mental 

 Dende 1987, DOA ten como misión a mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, a defensa dos seus dereitos e a representación dos seus asociados. Traballa en torno a un modelo de atención de base comunitaria xerando mecanismos de normalización. 

 Conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial en Vigo e outro en Cangas, onde ofrece unha serie de recursos e servizos encamiñados a facilitar o acceso a unha vida o máis plena, autónoma e normalizada posible para as persoas con problemas de saúde mental e os seus familiares. 

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 31 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario