CULTURA
O ESCULTOR PONTEVEDRÉS HENRIQUE PRADO INAUGUROU NA DELEGACION DE LA XUNTA/CASA DE GALICIA A MOSTRA “CONSERVA A VIDA”
Composta de sete esculturas relacionadas coa xente do mar e algúns dos seus produtos
Henrique Prado e Ramón Jiménez, na presentación
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O escultor pontevedrés Henrique Prado inaugurou onte mércores, na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a exposición “Conserva a vida”, composta de sete esculturas pigmentadas realista e hiperrealistas de pequeno e mediano formato relacionadas coa xente do mar de Galicia e algúns dos seus produtos, que poderá verse nas nosas instalacións ata o próximo día 30.
Xunto ao autor das obras, no acto de presentación da exposición interveu o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.
Jiménez explicou que Prado “procede do mundo da madeira, pola súa temperá dedicación aos traballos de carpintería, nos que se familiarizou co carballo, a caoba ou o castiñeiro. Esta é, se non me equivoco, a súa base, a súa orixe, de onde despega nunha evolución imparable cara á pedra, o aceiro inoxidable, a fibra de vidro e a cerámica, atopándose na actualidade nun proceso aínda inacabado de experimentación con outros materiais” e que nas esculturas expostas “predominan as madeiras de jatova, de acacia negra, de castiñeiro e de teca birmana, con complementos e soportes de granito, aceiro inoxidable e outros elementos”. Tamén que estas obras “convídannos a reflexionar” e “é interesante advertir que algunhas nos ofrecen un humor intelixente que apunta xa eses camiños de vangarda polo que enseguida penetraríase o seu autor”.
Referiuse así mesmo aos recoñecementos conseguidos por Prado, como “a súa medalla de prata na V Bienal Internacional de Escultura “El Valle de los Sueños”, de Puebla de la Sierra, en Madrid, en 2014, coa súa obra “Post Hominium Memoriam (Desde que el mundo es mundo)”, de seis metros de altura”, homenaxe ás mulleres que sofren violencia machista; “e a medalla de ouro na edición seguinte da mesma Bienal, en que alcanzou o máximo galardón coa súa obra titulada ´Burka´”, homenaxes á muller ás que sumou “a escultura que ten no paseo marítimo de Rodeira, en Cangas”, que co título de “Muller do Morrazo” “representa a unha muller que porta sobre a súa cabeza unha patela ou cesta e que leva na man un cubo con produtos indefinidos do campo ou do mar”.
Prado pousa xunto á figura Pescantina de Cangas, unha das que forman a mostra
Pola súa banda, Prado explicou que é de formación autodidacta e nunca se expuxo normas, técnicas, influencias ou tendencias. “Creo libremente as miñas obras tanto na técnica como na temática, a cal é variada, aínda que a miña preferencia céntrase na crítica social”. Expuxo que coas obras presentadas nesta mostra quixo “render homenaxe ás mulleres e os homes vinculados ao mar e á industria conserveira tan enraizada no noso municipio [Cangas do Morrazo] nun tempo non moi afastado”, unha homenaxe que estendeu á memoria dunha muller moi especial para el, a súa nai, que faleceu recentemente.
O artista, Henrique Prado, mostra unha das súas creacións, Caixa de Peixe
O escultor engadiu que a través desta mostra e o título que elixiu para ela, “Conserva a vida” pretende crear “un paralelismo entre o que sería a marca dun produto, que ten como obxectivo seducir ao público a través dunha frase ou un lema, e o sentido literal da frase, a cal esconde detrás unha gran historia de subsistencia económica na que afloran vivencias, sensacións e sentidos dun tempo non moi afastado, que de todos é coñecido pero a miúdo esquecido”.
“Henrique Prado, arte de soñar e crear a obra coas súas mans e moito agarimo, un creador de vida, con el vanse as horas entre repiques de campá da igrexa parroquial e cheiro a mar que trae o vento da mañá. Esa anatomía dos corpos e das almas creadas no taller de vida que significan o soño, fragrancia e o sorriso”, escribe sobre o escultor Xosé Vázquez Pintor, prologuista do catálogo da exposición, evocando unha das súas visitas ao taller de Prado.
AXENDA:
A exposición de esculturas “Conserva a vida”, de Henrique Prado, pode visitarse libremente ata o 30 de novembro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario