22 de nov. de 2018

LABORAL

Persoal de POVISA mobilízase na sede do PP en Vigo para denunciar a súa negativa a auditar as contas da empresa 

O comité concentrarase no SERGAS en Santiago para esixir unha solución ao preconcurso de acredores

Grupo de traballadores/as de Povisa e delegados/as sindicais da CIG concentrados diante da sede do PP en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Un grupo de traballadores/as de Povisa e delegados/as sindicais da CIG concentráronse hoxe diante da sede do PP en Vigo, na rúa do Príncipe, para denunciar o voto en contra desta formación á proposta presentada no Parlamento galego para que se auditasen as contas da empresa, se blindasen os postos de traballo e as condicións laborais e se aumentase o cadro de persoal. A protesta fai parte do calendario de mobilizacións deseñado polo comité do hospital vigués para reclamar unha solución ao preconcurso de acredores presentado pola dirección de Povisa.

 Máis de medio cento de persoas, entre elas o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, participaron na concentración convocada polo comité de Povisa para denunciar a actitude que a formación conservadora ten con respecto ao preconcurso de acredores.  

 “Xunta, PP, a mesma merda é”, “PP culpábel, Povisa responsábel”, “O PP precariza o traballo en Povisa” ou “Onde están, que non se ven, os señoritos do PP” foron as consignas que máis se escoitaron durante a hora e media que durou a protesta.  

 A voceira do comité, María Xesús Neira, criticou que o PP estea a impedir que o cadro de persoal de Povisa teña unhas condicións de traballo dignas “e que os pacientes e usuarios/as poidan contar cunha atención da mesma calidade que a dos hospitais públicos”.  

 Tamén explicou que con estas mobilizacións pretenden reclamar unha solución ao preconcurso presentado por Povisa que remate coa incerteza que viven os empregados/as. Ademais, lembrou que cando a representación do persoal preguntou como ía repercutir esta situación nas condicións laborais “a nosa sorpresa foi que con toda claridade nos adiantaron que non ía haber subida salarial e que non se ían sentar a negociar un convenio colectivo que leva oito anos caducado”.  

Protesta no SERGAS  

 O argumento esgrimido pola empresa é que o acordo que está a negociar co Sergas “mantería as contas a cero, sen beneficios e sen perdas, algo que obviamente nós non nos cremos”. Diante disto, os traballadores/as non están dispostos/as a manter o convenio conxelado até 2024 e reiteran, como así o manifestaron nas reunións, que no acordo final teñen que quedar recollidas as condicións laborais e salariais.  

 Isto suporía negociar o convenio, actualizar os soldos e que as persoas ás que se lles reduciu a xornada a 35 horas mensuais volvan ás 45. “En definitiva, o que pedimos é estabilidade laboral e a contratación de máis persoal, porque o actual número de empregado/as é insuficiente para atender as 139.000 cartillas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario