16 de nov. de 2018

CULTURA

Castelao en Ourense

Manuel Baltar e o Centro Galicia acordan que A derradeira leición do mestre, obra do insigne intelectual galego Alfonso Rodríguez Castelao, se exhiba en Ourense unha vez remate a súa estadía expositiva en Santiago, na Cidade da Cultura, no Gaiás  

O presidente da Deputación de Ourense protagonizou onte unha visita histórica ao que fora o edificio do Centro Ourensano en Bos Aires, que abriu por primeira vez as súas portas a un representante institucional galego, percorrido no que estivo acompañado polo presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, e polo escritor Luís González Tosar 

De esq. a der.: José María Vila Alén, Manuel Baltar e Luís González Tosar
Foto: D. OU.

Infogauda / Bos Aires

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o Centro Galicia veñen de acordar que a obra pictórica máis representativa do galeguismo, A derradeira leición do mestre, do insigne intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, se exhiba en Ourense unha vez remate a súa estadía expositiva na Cidade da Cultura, no Gaiás, en Santiago de Compostela

 Esta histórica resolución é froito dunha negociación que comezou cando o presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, visitou a Deputación de Ourense, o pasado 5 de outubro para manter un encontro con Manuel Baltar, quen lle propuxo, dada a vinculación do cadro con Ourense –foi pintado por Castelao a instancias do galeguista dos Peares e secretario do Centro Ourensano, Rodolfo Prada-, que a obra puidese exhibirse na provincia de Ourense.  

 Precisamente, onte, o presidente do goberno provincial visitou en Bos Aires o edificio que albergara, daquela, o Centro Ourensano, institución á que Castelao entregou esta obra artística a xeito de doazón. Unhas instalacións situadas no corazón de Bos Aires –mesmo fronte do Centro Galego- que estiveron pechadas durante décadas e que non foron visitadas por ningún representante público ata hoxe, e agora, coa presenza de Manuel Baltar, referéndase o compromiso da provincia de Ourense por un dos berces máis significados da cultura ourensá e galega como foi o Centro Ourensano.  

 Baltar cualifica de "inmensa emoción" poder acordar a cesión da obra de Castelao para que se poida exhibir en Ourense, logo da súa última etapa en Galicia. "Trátase dunha noticia de forte impacto cultural e emocional para o mundo da galeguidade, e desexo que os ourensáns poidan contemplar presencialmente esta obra nas instalacións da Deputación de Ourense, para o cal disporemos todo o necesario para que sexa un éxito".  

 Manuel Baltar agradece a vontade amosada polo Centro Galicia, na persoa do seu presidente, Vila Alén, e congratúlase de que as xestións que levou a cabo "para exhibir en Ourense a obra pictórica máis celebre e emblemática da galeguidade, pois, estando en Galicia, o mellor lugar onde podía rematar a súa estadía A derradeira leición do mestre é en Ourense".  

Visita histórica ao Centro Ourensano  

 Na súa visita ás que foran as instalacións do Centro Ourensano, Manuel Baltar estivo acompañado polo presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, e polo escritor  , un percorrido para o que por primeira vez se abriron as portas para un representante institucional galego, o que Manuel Baltar cualifica de "grande honra" por poder visitar "os que foran os despachos de Castelao e Rodolfo Prada nunha época que marcou de maneira indeleble a historia da Galicia cultural no seu máis amplo sentido", expresou Baltar.  

 Pola súa banda, Vila Alén, amosouse plenamente de acordo "a incluír a adenda que sexa preceptiva no convenio que vincula ao Centro Galicia coa cesión temporal da obra á Xunta de Galicia, para que o cadro de Castelao se exhiba en Ourense e se poidan ampliar, desta maneira, os prazos de exposición da obra, que figuran no convenio". 

 Vila Alén afirmou que será "un verdadeiro pracer que A derradeira lección do mestre estea a disposición do público ourensán, porque ollar esta obra supón un compromiso de respecto a todo o que significou e significa Castelao a prol da dignificación e a cultura de Galicia con maiúsculas".  Vila Alén cualificou a visita de Manuel Baltar a Bos Aires como "un emocionante encontro coa nosa terra", e o feito de que se concretase o acordo para que a obra de Castelao se exhiba en Ourense "enche de orgullo ao Centro Galicia, xa que foi o Centro Ourensano o destino deste cadro de Castelao, e sentímonos moi satisfeitos de que a xente de Ourense poida ter a oportunidade de contemplar este símbolo da Galicia cultural que é A derradeira leición do mestre".  

 Unha valoración coa que coincide Luís González Tosar, quen relata que nas instalacións do Centro Ourensano "xurdiu a idea de que Castelao pasase unha das láminas do seu álbum Galicia mártir a un cadro de grandes dimensións, pintado en óleo, a suxestión de Rodolfo Prada. A obra instálase no salón do inmoble, onde se celebra o famoso acto do mes de agosto que conmemora a Galicia mártir", explica Tosar, e destaca que este cadro, "que nace a solicitude dos ourensáns, e que logo pasa a ser propiedade do Centro Ourensano, onde mellor pode estar na súa visita a Galicia, antes do seu retorno a Bos Aires, é en Ourense". "Eu aplaudo con moito énfase, e coa emoción que me embarga de poder estar novamente nesta casa despois de corenta anos, a decisión do Centro Galicia e da Deputación de Ourense", remarcou González Tosar.  

 En relación á historia do Centro Ourensano, Tosar comenta que nace en 1941 da man "dun grupo de patriotas ourensáns, entre os que destacaba Rodolfo Prada, quen nunca quixo deixar esta sede ata o final dos seus días, falecendo precisamente enfronte deste edificio, no Centro Galego", e explica que o Centro Ourensano foi a primeira institución provincial en Bos Aires, tralo cal virían os centros Pontevedrés, Lucense e Coruñés. "Non só era unha entidade social, senón que constituía un espazo eminentemente político, que permaneceu en plena actividade ao longo dos anos 40 e 50 do século pasado, ata a morte de Castelao", subliña o escritor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario