ÁLVARO NOVEGIL “ALVARELLOS”, ARTISTA PONTEVEDRÉS, TRAI Á NOSA VILA “MÚSICAS DA TERRA”
· Título xenérico da súa exposición de pintura que será inaugurada o venres día 23 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural
Infogauda / A Guarda
O vindeiro venres día 23 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural da Guarda, terá lugar a exposición de obra plástica “Músicas da Terra” do artista pontevedrés Álvaro Novegil, “Alvarellos”.
De formación autodidacta, e bebendo das fontes dos pintores galegos expresionistas -contemporáneos e do século pasado-, Alvarellos plasma na súa obra, a forza das súas cores en fusión coas melodías que interpreta coa súa gaita. Amante da nosa música, gaiteiro e investigador folclorista no eido do toque pechado das Rías Baixas, imprime nos seus cuadros a elegancia e o señorío dos nosos bailes e a Ledicia melódica da nosa música tradicional, Música da Terra.
A exposición de “Músicas da Terra” ven a amosar unha homenaxe a os Gaiteiros, tanto nas súas formacións máis tradicionais -cuartetos como tamén solistas ou tríos. Fai unha homenaxe aos gaiteiros de principios do século XIX -Perfecto Feijoo, Xoán Tilve, Manuel Villanueva- con esas gaitas tumbales e bordón de chión, temperando con xeito tradicional.
Merece un especial apartado tamén, os zanfonistas, tomando ese instrumento gran descoñecido na Nosa música dende a idade media: A Zanfona. En “Músicas da Terra” se representan varias obras adicadas aos zanfonistas, algunha delas con tintes de abstracción.
Complementará a mostra o día 30 de novembro no Centro Cultural ás 19:30 h. Unha interesante charla sobre O toque pechado na gaita en Pontevedra, a cargo do gaiteiro, músico e artista Oscar Ibáñez, que dará paso tamén ao mestre de percusión Andrés Vilán, que presentará o seu libro “Método de Tambor Galego”.
A inauguración da Exposición, o día 23, estará acompañada como artista convidado Carlos do Viso, mestre zanfonista e recoñecido luthier, que a ben seguro fará as ledicias dos asistentes coa súa zanfona e as súas melodias.
AXENDA
Artista: “Alvarellos”
Temática expositiva: Músicas da Terra
Inauguración: 23 de novembro de 2018 | 19:30 H.
Centro Cultural da Guarda | Rúa Rosalía de Castro nº 3 | A Guarda
Ningún comentario:
Publicar un comentario