«Músicas da Terra»
Exposición de pintura de Álvaro Novegeil "Alvarellos"
· Ata o 7 de decembro no Centro Cultural da vila
Unha das obras de Álvaro Novegil “Alvarellos”, que pode ollarse na exposición
Fotos: Infogauda
Infogauda / A Guarda
O pasado venres día 23 de novembro a Sala de Exposicións do Centro Cultural de A Guarda acolleu a inauguración da exposición de pintura “Músicas da Terra” do artista pontevedrés Álvaro Novegil “Alvarellos”.
A concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez e o artista pontevedrés Álvaro Novegil “Alvarellos”, na apertura da mostra
No acto de inauguración, ao que asistiron preto de medio cento de persoas, a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez, amosou a súa satisfacción por poder contar na Guarda con esta interesante e vistosa exposición de pinturas, convidando a todos a que visiten esta exposición.
Carlos do Viso, zanfonista e luthier, na súa actuación
Despois dunhas verbas de benvida contouse cunha pequena actuación do zanfonista e luthier, Carlos do Viso, quen interpretou, en primer lugar, "Polca para Cosme", e logo, coa compaña de Alonso (Tarito), xoven músico de A Guarda, "Foliada de Pontevedra", facendo as ledicias dos asistentes - entre os cales estaban luthiers de A Guarda e do Rosal, compoñentes de grupos folk,... alumnos, amigos e veciños de A Guarda, O Rosal, Pontevedra, Redondela,... - e coa súa zanfona e as súas melodías.
Vistas parciais das persoas que asistiron á inauguración da exposición
Esta exposición recolle unha mostra da obra plástica de Alvaro Novegil, un artista de formación autodidacta que se inspirou nos pintores galegos expresionistas contemporáneos e do século pasado.
Alvarellos plasma na súa obra, a forza das súas cores en fusión coas melodías que interpreta coa súa gaita. Amante da nosa música, gaiteiro e investigador folclorista no eido do toque pechado das Rías Baixas, imprime nos seus cadros a elegancia e o señorío dos nosos bailes e a ledicia melódica da nosa música tradicional.
A exposición de “Músicas da Terra” ven a amosar na Guarda unha homenaxe a os gaiteiros, tanto nas súas formacións máis tradicionais –cuartetos- como tamén solistas ou tríos. Fai unha homenaxe aos gaiteiros de principios do século XIX -Perfecto Feijoo, Xoán Tilve, Manuel Villanueva- con esas gaitas tumbales e bordón de chión, temperando con xeito tradicional.
Merece un especial apartado tamén, os zanfonistas, tomando ese instrumento, gran descoñecido na nosa música dende a idade media: A zanfona. En “Músicas da Terra” se representan varias obras adicadas aos zanfonistas, algunha delas con tintes de abstracción.
Álvaro Novegil “Alvarellos” adoita empregar un cromatismo vivo, quente,..., e súas pinceladas teñen a axeitada carga matérica, e as veces, ésta vai sobre unha capa de fondo, combinada con veladuras e refregados. Todo elo, lle permite crear unhas obras vigorosas - que poderían ser vistosos carteis das nosas festas populares de máis raigame -, nas que os protagonistas son músicos populares, verdadeiros artífices da transmisión da nosa música de raíz o longo de moitos anos.
A exposición se pode visitar ata o 7 de decembro, no Centro Cultural da Guarda, de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 17:20 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Charla este venres sobre “O toque pechado na gaita en Pontevedra”
Complementará a mostra este venres día 30 de novembro no Centro Cultural ás 19:30 horas, unha interesante charla sobre “O toque pechado na gaita en Pontevedra”, a cargo do gaiteiro, músico e artista Oscar Ibáñez, que dará paso tamén ao mestre de percusión Andrés Vilán, que presentará o seu libro “Método de Tambor Galego”.






Ningún comentario:
Publicar un comentario