2 de out. de 2018

SAÚDE

As asociacións galegas conmemoran o  Día Mundial da Saúde Mental 

Esta celebración, que ten lugar o10 de outubro, pretende visibilizar os problemas de saúde mental e trasladar aos axentes competentes as reivindicacións e necesidades do colectivo. 

Saúde Mental FEAFES Galicia pon en marcha acampaña “Mocidade saudable”, coa que se pretende incidir na promoción da saúde mental entre os máis novos e novas. 


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). O tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é mocidade e saúde mental, considerando que se trata dun asunto de gran relevancia de cara á prevención, á pronta abordaxe dos problemas de saúde mental e á sensibilización acerca desta realidade. 

 A este propósito, durante a primeira quincena de outubro, numerosas asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental sairán á rúa e achegaranse aos centros educativos en máis de 20 localidades galegas para chamar a atención sobre esta realidade e trasladar aos poderes políticos, axentes sociais, sector educativo, medios de comunicación, profesionais de diversos ámbitos e á cidadanía en xeral, as reivindicacións e necesidades do colectivo. 

 Farano a través da campaña “Mocidade saudable” organizada por Saúde Mental FEAFES Galicia, que ten como obxectivofacer reflexionar á cidadanía sobre como se debe fomentar unha boa saúde mental na etapa moza. Para iso, ata 12 asociacións sairán á rúa e achegaranse aos centros educativos con xogos e dinámicas nas que os participantes poderán identificar condutas favorables e desfavorables para a saúde mental. 

 As actividades presenciais completaranse coa web, que inclúe xogos en liña para poñer en práctica os coñecementos sobre saúde mental, material informativo e recursos didácticos. Pola súa parte, a difusión en redes sociais farase a través da etique #mocidadesaudable, animando aos internautas a subir fotografías indicando hábitos favorables ou desfavorables para a saúde mental. 

Mocidade e saúde mental 

 A adolescencia é un período delicado cheo de cambios, inseguridades, presións e desaxustes entre as aspiracións e a realidade. Por iso, os mozos e mozas son particularmente sensibles aos problemas relacionados coa saúde mental, polo que é fundamental coidar certos aspectos e educar na saúde en todos os ámbitos. 

 Os datos revelan que entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos delas comezan antes dos 24.Neste contexto, o sector educativo xoga un papel fundamental, enfrontándose aoreto de crear un ambiente educativo onde os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados. 

 Para previr os trastornos mentais en idades temperás, é importante involucrar ás familias e ás institucións educativas na etapa de prevención, desenvolvendo técnicas de detección temperá, intervención precoz e un clima relacional positivo e saudable no contexto educativo, familiar e social. Para iso, é preciso o investimento de recursos humanos e financeiros, ademais de fomentar vínculos intersectoriais que permitan traballar conxuntamente aos diferentes sectores e actores implicados. 

 Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para reivindicar a urxente necesidade de que a saúde mental dos mozos e mozas estea na axenda política, coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade en 2030.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia 

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 31 localidades e conta cun total de 5.900 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario