23 de out. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Urbanización da Subida a San Amaro

· As obras continúan avanzando segundo as previsións  

Vista parcial das obras de urbanización e mellora de servizos da Subida a San Amaro en Camposancos
Foto: C. A. G.

Infogauda / Camposancos

 O pasado 10 de setembro iniciáronse as obras de urbanización e mellora de servizos da Subida a San Amaro en Camposancos, unhas obras que como relembran desde o executivo municipal do Concello de A Guarda, se están a executar en convivencia co uso desta rúa por parte dos veciños, sempre que sexa posible, ao tratarse dunha rúa moi transitada.  

 As mesmas fontes municipais reiteran que as obras avanzan segundo as previsións iniciais, quedando pendente xa a finalización do enlousado das beirarrúas, a zona de rodadura e as zonas axardinadas.  

 A Subida a San Amaro conecta a estrada de Circunvalación ao seu paso por Camposancos coa Igrexa da Visitación. Grazas a estas obras contará con dobre sentido de circulación, delimitación dos espazos peonís e unha zona específica para a instalación dos contedores de residuos. Nestas obras realizouse a renovación da rede de abastecemento de augas, así coma a dotación de bocas de incendios e substitución da rede de saneamento, separando as augas pluviais e fecais.  

 Unha vez estean rematadas as obras, esta rúa contará cunhas beirarrúas de enlousado, unha pavimentación de lastros rexuntados con morteiro e unha lousa de granito central acabado abuxardado.  

 As obras da Subida a San Amaro en Camposancos contan cun investimento total de 160.216,68 € (IVE incluído) con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a previsión e que estean xa rematadas na primeira quincena do mes de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario