23 de out. de 2018

A GUARDA

CULTURA

Nova sesión de «Contos contados» 

· O sábado día 27 de outubro, ás 11:30 h., na Biblioteca Pública Municipal 


Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal da Guarda, sita no 1º andar do Centro Cultural, oferta este sábado día 27 de outubro, a partires das 11:30 horas, unha nova sesión de «Contos Contados».  

 Desta vez, o evento estará e cargo de Nelson Quinteiro co seu espectáculo «Pequeno Cabaret Infantil», unha actividade programada para celebrar o Día das Bibliotecas que ten lugar cada 24 de outubro.  

 Pedrito Mendrugo e a súa pulga Jacinta Florette farán as delicias dos máis pequenos e tamén dos máis crecidiños transformando algúns contos populares desde un punto de vista moito máis cómico e actual.  

 Un espectáculo que saca o máximo partido ao cabaret e aproveita o colorido do xénero, o seu ritmo e carácter desenfadado, a súa alegre música para falar dos contos de toda a vida. Un espectáculo con un ritmo frenético, moita interacción co público, sorpresas, cancións, coreografías e un carácter moi tenro e entrañable.  

 Esta actividade está enmarcada no programa «Ler conta moito», para a  dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario