27 de out. de 2018

A GUARDA

Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín 

A programación e a robótica déronse cita neste evento   

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda,  nos intres previos a conferencia de OPRObots
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 A Casa dos Alonso acolleu onte venres a segunda xornada da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín, que contou cunha Feira Maker con exhibicións de robótica e varias charlas.  

 Pola mañá realizouse a Feira Maker, onde os asistentes puideron coñecer todas as novidades sobre novas tecnoloxías e robótica da man de expertos do sector, grazas a  conferencias e exhibicións, que contaron coas intervencións de Manuel Rodríguez, técnico de hardware de OPRobots e Alejandro Santos, técnico de Software de OPRobots.  

Manuel Rodríguez, técnico de hardware de OPRobots e Alejandro Santos, técnico de Software de OPRobots.  

 A conferencia de OPRObots estivo enfocada á robótica de competición, onde explicaron aos presentes como é o seu traballo e como aprenden día a día a facer cousas novas enfrontándose aos mellores enxeñeiros do país. OPRobots expuxo as súas creacións amosando como é o seu funcionamento, fomentando a creatividade e innovación a través dos robots de competición de carácter velocistas (robots autónomos que seguen unha liña tentando ser máis rápidos que os seus rivais), humanoides (robots teleoperados con forma humana que loita nun ring tentando derribar ao seu adversario), laberinto (robots autónomos que teñen que buscar a saída coa única axuda das paredes que os rodean) e minisumo (dous robots autónomos situados nun doyho, que deben xuntarse e pelexar para sacar ao seu rival do círculo). Estas exhibicións de robots espertaron moito interese por parte dos asistentes.  

Óscar Rodríguez, coordinador xeral de Ledisson Ait

 De seguido tivo lugar a realización dunha charla a cargo de Óscar Rodríguez, coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica, sobre «A disrupción laboral: unha verdade incómoda». Nesta charla Óscar trasmitiu aos presentes a visión holística, fundamentada na experiencia de LedissonAit como empresa tecnolóxica, sobre o que está a acontecer e sucederá proximamente no mundo laboral coa inminente entrada dos algorítmos e a robótica nos entornos de traballo. Neste senso centrouse en como ser máis competitivo e empregable que un robot, potenciando habilidades que nos caracterizan como humanos que son as máis buscadas hoxe en día nas empresas tecnolóxicas.
  
Emilia Simâo e Samuel Barbosa, profesores de multimedia e arte da Escola Superior Gallaecia

 Trala pausa do xantar, na quenda de tarde foron Emilia Simâo e Samuel Barbosa, ámbolos dous profesores de multimedia e arte da Escola Superior Gallaecia, de Vila Nova de Cerveira, os que falaron sobre «Tecnoloxía vs Arte – Video 360º»

 O vídeo 360/VR imponse na actualidade de xeito gradual nos medios de comunicación dixital, cunha gran promoción e aceptación nas plataformas de difusión de vídeos en liña e mesmo nas redes sociais, polo que os axentes tradicionais de publicidade e do cinema se actualizan para empregar unha experiencia próxima á realidade ofertando a realidade virtual. Nesta charla explicouse, dende o punto de vista técnico, como se forma a imaxe 360º/VR, coas cámaras e as aplicacións de software existentes na actualidade. Os participantes nesta interesante conferencia foron partícipes dunha gravación en 360º. 

Mar Cortegoso Comesaña e Brais X. Currás Refojos 

 De seguido, Brais X. Currás Refojos e Mar Cortegoso Comesaña, que veñen de participar nas escavacións arqueolóxicas da zona do Seixal, realizaron unha conferencia/exhibición sobre «Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico». O proxecto «Mar de Sal» parte do principio da transferencia científica como medio fundamental para sustentar o desenvolvemento patrimonial. Nesta comunicación fixeron unha presentación do proxecto e do seus obxectivos, enfocados ao estudo e posta en valor das paisaxes do sal da antigüidade como un recurso patrimonial ao servizo da cidadanía e do desenvolvemento, económico, turístico e sociocultural. Igualmente trataron da capacidade de transferencia do estudo das salinas antigas e das novas oportunidades de negocio que pode crear.   

 A Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño, remata este sábado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario