17 de out. de 2018

A GUARDA

Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto»   

· Penúltima entrega de 20 carros de compra 

Os 20 premiados neste sorteo recolleron o seu carro na Praza do Reló da man do alcalde, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Comercio Montserrat Magallanes Álvarez
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este mércores día 17 de outubro a Praza do Reló da Guarda foi o escenario elixido para a entrega dos 20 carros de compra correspondentes ao penúltimo sorteo realizado entre os clientes do Mercado da Praza de Abastos da Guarda enmarcado na Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto».  

 Os 20 premiados neste sorteo recolleron o seu carro na Praza do Reló da man do alcalde, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Comercio Montserrat Magallanes Álvarez, xunto cun plano «Metrominuto», no que se especifican os tempos e distancias entre os principais puntos do casco urbano coma a Praza do Reló, a Alameda, os aparcamentos, as zonas de servizos, entre outros.   

 Aínda queda un sorteo final de 20 carros de compra, que terá lugar o vindeiro luns día 22 de outubro, os que desexen participar neste derradeira oportunidade tan só terán que facer as súas compras na Praza de Abastos ata este sábado e encher as papeletas e depositalas nas furnas da Praza de Abastos.  

 Destaca a presenza entre os premiados, dos 4 sorteos que se levan feito ate o de agora, de persoas de Caminha (Portugal), ou localidades limítrofes coma Tomiño, O Rosal Gondomar ou Oia, o que demostra o potencial do Mercado de Abastos da Guarda e o seu ámbito de cobertura, con clientes que se desprazan dende outras localidades en busca de produtos frescos e de primeira calidade.  

 O Concello de A Guarda promove a mobilidade, o comercio e a dinamización do mercado municipal da Praza de Abastos con sorteos semanais de 20 de carros da compra para que os veciños e veciñas da comarca os empreguen para mercar no casco urbano. As persoas que desexen participar nos seguintes dous sorteos restantes só teñen que facer as súas compras nos establecementos do mercado municipal da Praza de Abastos e depositar nas furnas habilitadas para este sorteo as papeletas que se entregan con cada compra.
  
 A Campaña «A Guarda, todo moi preto» abrangue diferentes accións e actividades nos espazos públicos orientadas á concienciación do uso da rúa para a xente, facilitando o movemento a pé polo casco urbano da vila, co emprego das prazas de aparcamento disuaorio postas en marcha nos últimos meses. O obxectivo é ir retirando de xeito paulatino os vehículos da rúa e darlle prioridade aos peóns no centro da vila, cunha filosofía de uso racional dos vehículos, coma o caso da Praza do Reló, tendo coma referencia o proxecto de Francesco Tonucci da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, da que A Guarda forma parte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario