ASTRONOMÍA
90 persoas participaron nunha xeira de observación de estrelas no Monte Torroso
· Pablo Martínez, membro da Agrupación de Astronomía Rías Baixa, foi o guía desa actividade
Participantes na xeira de observación de estrelas dende o alto do Monte Torroso (Salcidos)
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O pasado sábado día 29 de setembro o Concello da Guarda, a través do Departamento de Turismo, organizou unha xeira de observación de estrelas dende o alto do Monte Torroso, na parroquia de Salcidos que contou coa participación de case un centenar de persoas. Esa actividade estivo enmarcada nas conmemoracións do Día Mundial do Turismo, que se celebrou o pasado 27 de setembro.
Nunha noite de temperaturas agradables, os participantes desta actividade, desprazados dende A Guarda e outras poboación da comarca do Baixo Miño, e mesmo de Vigo, partiron dende a Casa Forestal do Torroso, para facer unha pequena andaina ata o Alto do Monte Torroso, onde puideron atender ás explicacións do experto en astronomía Pablo Martínez, membro da Agrupación de Astronomía Rías Baixas.
Dese xeito, os participantes coñeceron as principais constelacións do hemisferio norte, así coma a localización dos planetas e mesmo algúns datos de interese coma as datas das choivas de estrelas perseidas e gemínidas, ou coma orientarse no firmamento guiándose por algunhas estrelas.
A actividade espertou o interese dos participantes, que antes do remate puideron facer preguntas e interesarse sobre o apaixoante mundo da astronomía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario