A asemblea realizada o pasado domingo dera un ultimato até o venres para iniciar negociacións
O anuncio de paros logra sentar na mesa á dirección de Vitrasa
Infogauda / Vigo
“O ultimato dado polo persoal de Vitrasa á dirección tras a asemblea do domingo vén de surtir efecto, conseguindo que a empresa convoque ao comité para este martes 2 de outubro ás 10 horas nas dependencias da concesionaria do transporte público de Vigo”, afirmou a este xornal dixital Ismael Arnoso, presidente do comité de empresa de Vitrasa. Desde a representación social apuntan, en todo caso, “que se mantén o venres como data tope para chegar a algún tipo de acordo antes de convocar paros parciais”.
Fontes sindicais indicaron igualmente: “Máis dun mes despois do emprazamento público para solucionar a degradación das condicións de traballo e as irregularidades na contratación, a dirección de Vitrasa convocou por fin ao comité de empresa a unha xuntanza.
A misiva chega tras a decisión tomada pola asemblea de traballadores/as do pasado domingo, na que resolveran cun 70% de apoio a convocatoria de paros parciais os martes e xoves a partir de mediados de outubro, sen descartar a ampliación, no caso de que a empresa mantivese a súa negativa ao diálogo.
Así e todo, e en cumprimento do mandado asemblear, o prazo que expiraba este venres 5 de outubro mantense co albo posto na consecución dun acordo que, en caso contrario, suporía a convocatoria dos paros. O comité pretende esgotar todas as vías de diálogo para evitar tomar unha medida drástica que afectaría o servizo público de transporte urbano”.
“A pelota segue, de momento, no tellado de Vitrasa”, sinalou Imanol Arnoso.
Os representantes sindicais lembran “a urxencia en resolver os incumprimentos en eventualidade, subrogación, plan de iguladade, condicións diarias de traballo, horarios de percorrido, uniformidade, horas extra, cámaras de videovixiancia ou baños, entre outras”.
Desde o órgano de representación dos traballadores/as, lembran, así mesmo, que “o Concello de Vigo non se pronunciou sobre a solicitude de mediación no conflito”, cuestión que cualifican de “completa irresponsabilidade” xa que se isto non se soluciona “acabará por pagalo a veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario