1 de out. de 2018

A GUARDA

CULTURA

O Centro Cultural da Guarda acolleu unha obra de teatro para bebés

· A posta en escea correu a cargo de Caramuxo Teatro e estivo enmarcada no programa Cultura no Camiño

Preto dun cento de persoas, pais e nais cos seus fillos, bebés de entre 1 e 4 anos, asistiron a representación
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda  

 O pasado sábado día 29 de setembro o Centro Cultural da Guarda acolleu a representación da obra teatral «Zapatos», contando coa participación de preto dun cento de persoas, pais e nais cos seus fillos, bebés de entre 1 e 4 anos.  

 A posta en escea correu a cargo de Caramuxo Teatro e estivo enmarcada no programa Cultura no Camiño, que este ano desenvolve a súa sexta edición, organizado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia implicando a un total de 103 concellos situados nas rutas xacobeas para despregar unha interesante carteleira a través da que a nosa produción escénica e musical sae ao encontro dos espectadores galegos, dos peregrinos e de todos cantos nos visitan nestas datas.   

 Sobre a obra de teatro Zapatos 

 ¿Que pasa con todos eses Zapatos que xa ninguén usa? Todos os días chegan a un recuncho dun agochado xardín fantásticas historias, as vivencias que traen consigo unha morea de zapatos de tódolos tamaños e cores.  

 Unha rapaza é a encargada de coidalos, de darlle a a benvida ó lugar onde vivirán para sempre, un lugar onde compartir emocións coas belas bailarinas, con Pechecho e os seus irmáns, cós namorados, có Sol e a Nube, e con centos de compañeiros que teñen moito que contarnos. "Zapatos" narra tódalas historias, que levan dentro os zapatos que xa non teñen dono.

Ningún comentario:

Publicar un comentario