5 de set. de 2018

PONTEVEDRA

Moldes (voceiro do PP na Deputación de Pontevedra): “Carmela Silva vai ser recordada como a presidenta que deu as costas insistentemente aos concellos, aos alcaldes e aos veciños”  

O voceiro do PP lamenta que a falta de colaboración da Deputación provoca situacións extremas en alcaldes, como no caso de Tui, que intentou acampar diante do pazo provincial en sinal de protesta. 

“Minte constantemente ao dicir que non ten responsabilidades nin con Paramos nin cos concellos afectados polos lumes. Son escusas de mala gobernante”. 

Ángel Moldes, voceiro do grupo provincial do PP

Infogauda / Pontevedra

 O voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, critica que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vai ser recordada neste mandato como “a presidenta que deu as costas insistentemente aos concellos, aos alcaldes e aos veciños desta provincia”. Para o popular, a acampada que o alcalde de Tui tiña previsto facer o luns diante do Pazo Provincial para denunciar a falta de axudas da deputación ás familias afectadas pola explosión de Paramos, “é unha mostra máis da falta absoluta de colaboración que reciben os alcaldes desta provincia. Non é entendible que a Deputación, a administración máis próxima que teñen os concellos, estea pechada a cal e canta para os problemas e as necesidades desta provincia”. 

 Para Moldes “é inaceptable a actitude soberbia e prepotente de Carmela Silva”, á que acusa de usar “os mesmos métodos que o seu xefe de Vigo” para desviar toda a atención e a responsabilidade que ten como presidenta. “Pasan de largo ante os problemas, non aceptan responsabilidades e van contra todo e contra todos”. Nesta liña, critica que “minta constantemente ao dicir que non ten responsabilidades nin con Paramos nin cos concellos afectados polos lumes. Son escusas de mala gobernante. O dela é ofrecer grandes titulares e cifras que non se corresponden coa realidade desta provincia, pero é incapaz de dar resposta e ofrecer solucións aos problemas”. 

 Sobre as competencias da Deputación para aprobar axudas, o PP ten claro “que a Deputación é competente. É máis, a primeira competente é a Deputación, porque é a administración máis próxima aos concellos e a súa razón de ser é apoiar aos pequenos e medianos concellos da provincia, algo que está obviando por completo. Non repartiu nin un só euro en axudas nin aos afectados polos lumes nin pola explosión en Paramos”.  

 Moldes entende que “Lores fixo un gran favor ao Goberno de Carmela Silva ao prohibir ao alcalde acampar na Alameda, e a pesar de que se permitiu en outras moitas ocasións. E lles fixo un gran favor porque evitou que se visibilizase a gran vergoña deste Bipartito e de Carmela Silva, que é a nula capacidade que ten de ofrecer respostas aos problemas desta provincia”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario