25 de set. de 2018

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON EN MARCHA UN NOVO CONTROL DE AFOROS PARA SABER O NÚMERO DE VEHÍCULOS QUE CIRCULAN POLAS ESTRADAS PROVINCIAIS  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os medidores estiveron xanas vías de maior tránsito nas comarcas do Morrazo, Salnés e Caldas e pasarán estes días a Vigo, Baixo Miño e Condado-Paradanta 

Nos últimos días os traballos de medición centráronse nas vías máis transitadas das comarcas do Morrazo, Salnés e Caldas.
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra 

 O departamento de Mobilidade da Deputación vén de iniciar nestes días un novo control deaforos da súa rede de estradas. Neste exercicio realizaranse 111 medicións semanais e 31 diarias sobre o número medio de vehículos que pasa por cada estrada, así como sobre a velocidade coa que circulan, datos que, segundo explica o deputado Uxío Benítez, servirán despois para priorizar actuacións de mellora viaria e calmado de tráfico. 

 Nos últimos días os traballos de medición centráronse nas vías máis transitadas das comarcas do Morrazo, Salnés e Caldas. A veciñanza puido atopar medidores (consistentes nunha banda transversal á calzada e nunha pequena caixa lateral para rexistrar os datos -sen identificar aos vehículos-) nas estradas Meira-Fraga (Moaña), Seixo-Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e Alto da Portela-Beluso (Bueu) por unha banda, na EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira (Caldas), e na Portonovo-Vichona (Sanxenxo), Coirón-Ribadumia-Leiro (Meaño), Mosteiro-Barrantes e San Martiño-Armenteira Busto (Meis).  

 Esta semana a aparataxe está nas estradas máis percorridas da comarca de Vigo, Baixo Miño e Condado-Paradanta: Calvario-A Garrida, Gran Vía-Avenida de Madrid, Meixoeiro-Cuvi (Vigo), Gondomar-Vilaza-Parada (Gondomar), Cerquido-Ribadelouro (Salceda), Arcade-Amoedo (Soutomaior), Tabagón-Rosal-Portocelo (Rosal), Ponteareas-As Neves (Ponteareas) e Cañiza-Pousa (A Cañiza). 

 Todas estas vías soportan unha grande intensidade de vehículos, polo que os aforos repetiranse a finais de ano, co fin de recoller máis datos para facer unha análise rigorosa e detallada do uso que fai a cidadanía das estradas. De feito, segundo explica Benítez, as intensidades medias diarias de vehículoscambian en función do punto quilométrico, da estación ou mes do ano en que se fan, o que aconsella levar un control e estudio constante para saber cales son os puntos máis conflitivos. 

 Aos datos recollidos neste ano sumaranse os dos tres próximos exercicios (ata 2021), data na que remata o vixente Plan Plurianual de Aforos contratado polo departamento de Mobilidade. Co fin de organizar o traballo as estradas provinciais dividíronse dende o inicio en tres grupos segundo a súa IMD no Plan de Aforos de 2017 e analizaranse de diferente maneira.  

 No primeiro grupo –o de máis tránsito- instalaranse 24 estacións de aforo con dous estudos semanais cada ano. No grupo dous vanse colocar 252 estacións de aforo cunha medición semanal cada catro anos, en estradas con menos intensidade de vehículos cun tránsito que non varía substancialmente. Finalmente, no grupo terceiro, faranse 124 estacións cun aforo diario cada catro anos. Así, en total cada ano realizaranse 111 aforos semanais e 31 aforos diarios.  

 Hai que lembrar que a rede provincial conta de 377 estradas e case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón o 50% da rede total (contando a do Estado e da Xunta) que, sen embargo, só soporta o 16% do tráfico real. Os datos que se manexan actualmente, do 2017, revelan que en máis da metade das estradas da provincia o número de vehículos diarios non chega aos 1.000, que só 16 estradas soportan un tránsito de máis de 5.000 vehículos, e que hai 13 vías que apenas chegan aos 50 vehículos por día. 

 O deputado de Mobilidade sinala que o estudo de aforos é unha ferramenta moi útil porque o servizo que dirixe “debe realizar os seus investimentos para garantir un maior servizo aos cidadáns, unha maior conectividade e unha maior seguranza viaria, xa que os recursos da Deputación son limitados”. Destaca que “é evidente que os aforos dinnos cales son as estradas máis transitadas, pero tamén nos revelan estradas próximas a núcleos de poboaciónpolas que a pesares de que pasan poucos vehículos as velocidades non son as axeitadas, xa que precisamente a ausencia de tráfico invita a ir máis rápido. Iso é fundamental sabelo para actuar en consecuencia, xa que a xente vai camiñando pola beiravía e son precisas medidas de conviencia e seguranza viaria”, salientou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario