25 de set. de 2018

SOCIEDADE

Medio centenar de peregrinos percorrerán o Camiño para visibilizar a saúde mental  

• Realizarán tres tramos do camiño francés dende o 26 ata o 28 de setembro, día en que chegarán a Compostela.  
• Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo. 


Participantes nunha edición precedente
Foto: Saúde Mental FEAFES Galicia

 Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 Saúde Mental FEAFES Galicia realiza por noveno ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 50 peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitores.   

 O percorrido comeza mañá, mércores 26 de setembro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 28 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros. Na primeira etapa, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán 15,8 quilómetros ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, percorrerán os 4,5 quilómetros restantes ata chegar ao casco histórico compostelán.  

 Estas etapas realízase pola mañá, xa que pola tarde os monitores de Saúde Mental FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizan actividades e dinámicas para que os peregrinos se coñezan entre si, socialicen e teñan un tempo de recreo e distensión.  

 Unha vez cheguen a Compostela, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago. Ese mesmo día, venres 28 de setembro ás 13:00, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte do alcalde, Martiño Noriega e outros membros da corporación municipal. Despois, para despedir a actividade, os camiñantes gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.  

 Os peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Avelaíña, Andaina, Apem e Saúde Mental Ferrol, todas elas integradas en Saúde Mental FEAFES Galicia. Ademais, irán acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de A Coruña e Lugo.  

 As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores. 

 Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo. 

 Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo xeito, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que os participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario