A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA DESTINA MÁIS DE 756.000 EUROS Á MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL EP-4006 ENTRE PONTEAREAS-AS NEVES
· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as obras desenvolveranse ao longo de 12.850 metros nos concellos de Ponteareas, As Neves e Salvaterra
EP 4006. PQ 2+200 PONTEAREAS-AS NEVES
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai destinar máis de 756.000 euros á mellora dos case trece quilómetros da estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves, dentro dos municipios de Ponteareas, As Neves e Salvaterra de Miño. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a Xunta de Goberno provincial aprobou este venres pasado o proxecto de execución, que agora pasa a contratación co fin de rematar as obras na primavera de 2019.
As empresas interesadas na obra podan comezar a presentar as súas ofertas en breve, para que despois opersoal técnico provincial valore cal é a mellor proposta económica e técnica para a adxudicación. Logo da sinatura do contrato e o replantexamento dos traballos haberá un prazo de catro meses para realizar a actuación.
Uxío Benítez explica que este proxecto, que abrangue a práctica totalidade de estrada, dende o punto quilométrico 0+000 ata o 12+850, pretende mellorar a seguranza viaria e peonil pavimentando a traza existente: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.
Así mesmo, mellorarase a drenaxe, instalando tubaxes paralelas á calzada polas beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escorrentías creen balsas na plataforma. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados…) co fin de mellorar a visibilidade da traza sobre todo en días de néboa e chuvia.
Segundo os datos do último estudio de aforos realizado pola Deputación en 2017, a EP-4006 presenta un tráfico medio duns 3.676 vehículos, o que a sitúa dentro das 20 con máis tránsito das 377 da rede provincial. No control realizado no primeiro treito da vía (entre Ponteareas e a A-52), concretamente no punto 0+890, a intensidade media diaria ascendía a 3.745 vehículos, mentres que no segundo treito (entre a A-52 e As Neves), no PQ 22+000, o número medio de vehículos por día foi lixeiramente menor, con3.607.
Ningún comentario:
Publicar un comentario