O persoal de Maderas Iglesias logra axilizar o pago dos salarios pendentes e suspenderá a folga tras 24 días
A empresa comprométese a abonar 700€ da nómina de agosto este mesmo xoves e a extra de xullo antes do 15 de outubro
Infogauda / O Porriño
As/os traballadoras/es de Maderas Iglesias decidiron esta mañá en votación suspender a folga iniciada o pasado 28 de agosto tras conseguiren un acordo que axiliza o pago dos salarios adebedados, alén de desbloquear a negociación do convenio. Desde o comité de empresa amosan unha satisfacción contida, advertindo á empresa de que calquera incumprimento suporá a reactivación dunha folga que deixarán a partir deste venres 21.
Fixeron falta 24 días de parálise total da produción para obrigar a dirección a tomar en serio as reivindicacións do persoal, farto de incumprimentos salariais e de promesas baleiras tras 8 anos de grandes sacrificios nunha empresa atravesada polas dificultades económicas.
Así, e logo de rexeitaren o pasado 11 de agosto o anterior preacordo, negociado coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, deciden agora a suspensión da folga tras someter a votación unha nova proposta da dirección que axiliza os prazos de pagamento.
O primeiro prazo remata este xoves 20
A empresa comprométese, deste xeito, a ingresar a todo o persoal 700€ liñais a conta da nómina de agosto con data máxima no xoves 20 de setembro. No suposto de que a cantidade non chegase á contía total do salario, a diferencia sería abonada en canto se realizasen as nóminas do mes. No caso contrario, que a superase, descontaríase do que correspondese da extra de xullo de 2018.
Con respecto á extra de xullo de 2018, a data límite para o pago sería o 15 de outubro, mentres que o salario de setembro tería que ingresarse como máximo o día 10 de outubro. Se non cumpre este último prazo, a empresa aceptaría como penalización o abono de todos os conceptos salariais correspondentes a 5 días para todo o persoal. A dirección asume a obriga, así mesmo, de ingresar as mensualidades antes do día 10 do mes seguinte.
Por último, a empresa renuncia a sancións ou descontos salariais pola situación laboral dos días 21 e 22 de agosto.
Avances de cara ao convenio
O acordo contempla tamén o desbloqueo das negociacións do convenio de empresa, pactando a apertura da mesa durante o mes de outubro. Como primeira medida, páctase unha suba salarial do 3% para 2018, efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2019.
O importe dos atrasos a abonar será do 1% por 12 mensualidades, que serán prorrateadas nos salarios de 2019. Ademais, incorporaranse á negociación todos os acordos existentes da anterior mesa negociadora. En marzo de 2019 negociaranse as táboas salariais de 2019, tendo en conta a situación da empresa.
Mantemento do traballo
Maderas Iglesias comprométese, tamén, a manter o emprego até novembro de 2019, desistindo de despedimentos colectivos ou individuais por causas obxectivas.
O acordo contempla, non obstante, que calquera traballador/a que queira extinguir voluntariamente a relación laboral e que o comunique á empresa durante outubro do ano vixente terá o mesmo tratamento que os acollidos ao ERE de xuño de 2018.
Satisfacción contida
Desde o comité de empresa valoran este acordo como a superación dun novo obstáculo por parte do persoal, mais sinalando, porén, que é unha solución temporal á espera dun plan de viabilidade e de investimentos que garantan un futuro para a actividade.
Neste sentido, continúan demandando unha plena implicación da administración, en particular da Consellaría de Economía e Industria, á que conminan a cumprir os compromisos adquiridos en prol do mantemento do emprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario