8 de set. de 2018

A GUARDA

O BNG levará ao Parlamento Galego a protección do castro do monte Santa Trega 

Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “Para o BNG o Concello en colaboración con outras entidades debe realizar un programa de actividades para concienciar sobre a importancia da conservación do castro do monte Trega”  

Unha das vivendas reconstruídas no poboado castrexo do Monte Santa Trega, ubicado nun dos lugares máis fermosos do mundo
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 O BNG vai levar ao Parlamento galego a preocupación sobre o estado de conservación do castro do monte Trega, sobre todo a raíz das imaxes aparecidas nos medios de comunicación de persoas situadas no conxunto arqueolóxico a xantar durante as pasadas Festas do Monte. Dese xeito ven de pronunciarse Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.

 “É preocupante a utilización de estacas para suxeitar toldos aos muros das construcións castrexas. Debemos ter conciencia de que se trata do noso patrimonio, así como un dos principais atractivos que temos tanto na Guarda como na comarca”, afirmou Ángel Luis Baz.  

Ineficacia das medidas tomadas até agora

 Para o BNG - engade o voceiro nacionalista - queda demostrado a ineficacia das medidas tomadas até agora, como a colocación de cintas. Hai que ir a medidas máis profundas e continuadas no tempo que axuden a concienciar a aquelas persoas que queiran gozar dunha das paraxes únicas sen ter que deteriorar a súa contorna.    

 Para o BNG o Concello en colaboración con outras entidades debe realizar un programa de actividades para concienciar sobre a importancia da conservación do castro do monte Trega”.   

A protección do castro ao Parlamento galego  

 Ángel Luis Baz dixo igualmente: O BNG vai presentar unha iniciativa no Parlamento galego, por medio da deputada Montse Prado, para que se dean explicacións sobre cales son as medidas que se están a tomar para evitar o deterioro do conxunto arqueolóxico do monte Trega.   

 “A Consellería de Cultura ten competencias no mantemento e conservación dun dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes do país. Ten que existir unha colaboración entre institucións para evitar o deterioro deste castro, pero hai que tomar medidas que afonden na súa protección e compatibilizar o goce da contorna sen ter que danar unha das nosas xoias arqueolóxicas”, sinalou a parlamentaria do BNG, Montserrat Prado Cores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario