Veciños da Guarda e Caminha participaron na Ruta da Cova Moura
A primeira andaina, desta nova sesión celebrouse o pasado sábado día 15 de setembro
Infogauda / A Guarda
Continúan as andainas organizadas pola Câmara Municipal de Caminha e o Concello de A Guarda e que terán lugar entre os meses de setembro e novembro co obxectivo de coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e o país veciño.
A primeira andaina, desta nova sesión celebrouse o pasado sábado día 15 de setembro, onde os participantes percorreron a Ruta da Cova Moura nas terras portuguesas de Monçao cunha distancia total de preto de 20 km.
Esta ruta guiada recorre as sendas e parroquias de Monçao. Os asistentes coñeceron praias fluviais como a de Sendin, onde transcorre o río Gadanha, que ofrece unha paisaxe de gran valor.
Ademais de muíños, pontes medievais e moita natureza con pequenos sendeiros entre prados, viñas, penedos e piñeirais. Tamén se coñeceu o Palacio de Brejoeira, de estilo neoclásico, que foi construído en 1834 e está clasificado como Monumento Nacional dende o ano 1910 .
O 20 de novembro celebrarase a segunda saída, na que os participantes poderán realizar unha andaina duns 15 km polo Monumento Natural de Pena Corneira. A andaina será de ascenso desde Leiro, onde antes de iniciar a ascensión de case 500 m. de desnivel os asistentes recorrerán unha parte do río e do pobo.
A Pena Corneira é unha gran rocha ou penedo, situada no alto do monte, e amósase como un gran miradoiro sobre a comarca do Ribeiro. O seu bosque, de gran extensión, está catalogado como espazo natural de Galicia xa que está formado por árbores autóctonas. Outros atractivos da ruta son o conxunto de hórreos de Paredes e as igrexas románicas de Leiro, Lebosende e Serantes.
O peche do calendario deste ano 2018 terá como protagonista as terras veciñas rosaleiras coa ruta de 18 km polos Muíños do Folón e do Picón o vindeiro 10 de novembro.
Os Muíños do Folón e do Picón son un grupo de 60 muíños en fervenza, declarados Ben de Interese Cultural ao constituír parte do rico patrimonio etnográfico, xa mencionados en documentos do século XVII. Percorrido de gran beleza con excelente panorámicas ao Val do Rosal e ao Esteiro do Miño. Tamén se coñecerá a capela na véspera da celebración de San Martiño, pechando así o calendario de Andainas 2018.
Ningún comentario:
Publicar un comentario