7 de set. de 2018

A GUARDA

HUMANIZACIÓN INTEGRAL DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL

· As obras comezarán o luns día 10 de setembro

Na imaxe, un dos carteis da obra da rúa Concepción Arenal

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal ven de facer público que o vindeiro luns día 10 de setembro iniciaranse na Guarda as obras da rúa Concepción Arenal no tramo comprendido entre a rúa Galicia (Altamar) e a rúa Pacífico Rodríguez. Por este motivo dende o Concello da Guarda realizáronse diversas reunións e encontros cos colectivos empresariais e veciñais para informar de como se vai realizar esta obra tan necesaria para o noso pobo que consistirá na humanización integral desta céntrica rúa.  

Vallas na Praza de Avelino Vicente González, preparadas para delimitar a zoa de obras

 Dende o Concello da Guarda agárdase que as molestias e incomodidades deste tipo de intervencións sexan as mínimas posibles, estando en contacto permanente coa empresa adxudicataria destas obras e informando aos veciños de que se teñen algunha dúbida contacten no 986 610 000. Dende o Concello da Guarda remitirase nos vindeiros días unha carta informativa a máis de 800 veciños da contorna desta rúa. 

O alcalde e a concelleira de Comercio, nunha recente asemblea con comerciantes e industriais, que se celebrou no salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda
O alcalde e a concelleira de Comercio mantiveron onte unha asemblea con veciños da rúa Concepción Arenal, no salón de actos do Centro Cultural

 Durante o transcurso desta primeira fase, a baixada ao Porto da Guarda realizarase pola rúa Pacífico Rodríguez e a subida pola rúa Enrique María Sexto e agárdase que se conclúa antes de fin de ano. 

 O seguinte tramo de obras será o comprendido entre as rúas Pacífico Rodríguez e o Porto da Guarda, neste caso, para poder acceder ao porto, habilitarase a circulación de vehículos lixeiros pola vía de servizo do paseo marítimo, accedéndose a esta dende a zona da Atalaia e tamén habilitarase a dobre circulación con semáforos de obra pola saída sur do porto, na zona da depuradora. 

 En calquera caso a circulación libre de vehículos non se abrirá definitivamente ata o remate da obra. Durante as obras poderán circular residentes, usuarios de garaxes e servizos polas zonas habilitadas pola empresa cando sexa posible. 

 Durante toda a obra estarán sinalizados os desvíos de tráfico rodado e habilitaranse zonas para a circulación peonil. A circulación de persoas estará habilitada para tódolos locais e vivendas durante toda a obra. Durante toda a duración da obra habilitarase o dobre sentido de circulación na rúa Ourense e na totalidade da rúa Coruña para enlazar a rúa Manuel Álvarez coa entrada ou saída da Guarda. 

Durante toda a duración da obra habilitarase o dobre sentido de circulación na rúa Ourense e na totalidade da rúa Coruña 

 A parada dos autobuses de ATSA estará situada no comezo da rúa Rosalía de Castro na zona da Alameda e a parada de taxis estará situada na rúa Domínguez Fontela, igual que na actualidade.  

 Para compensar os estacionamentos da rúa Concepción Arenal e a praza de Avelino Vicente habilitouse a ampliación de estacionamentos na rúa Manuel Álvarez, unha nova zona de estacionamento na rúa Coruña e adecentáronse os estacionamentos da finca de Fínola e na rúa Brasil (A Eléctrica). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario