O novo deseño que lucirá o contradique de Punta Xenete, vai collendo forma
Infogauda / A Guarda
Baixo o concepto de «A Guarda escrita nas estrelas» o novo deseño do pintado do contradique de Punta Xenete, no porto da Guarda, vai colendo forma grazas ao traballo dos artistas Alberto Álvarez Brandon e Nuria Villa Vicente, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto.
Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación deste proxecto, «sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día.» Os artistas decidiron centrar súa proposta en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.
Para o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz «con este proxecto se pretende que o espigón continúe a ser un símbolo para a vila da Guarda, traballando nun concepto que represente á xente da Guarda e que sexa tamén unha atracción turística máis, contando para a súa confección coa participación da xente da vila».
Mª Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura, afirmou que «A Guarda está viva. A Guarda é moi bonita e abrimos con este proxecto un espazo para que a xente que así o desexe poda participar na súa confección, traballando tamén cos colexios e os nenos e nenas do municipio».
Todos os interesados poden participar chamando aos teléfonos 646 202 874 e 627 582 551.
A primeira tarefa foi como concretar e unir, nun lenzo tan apaisado como é o espigón, toda esa posible iconografía e que teña un sentido único, para elo se tomou coma referencia o horizonte, onde o espigón elévase sobre o nivel do mar, decidindo crear un universo, un ceo estrelado onde a historia do municipio de A Guarda se amose en xeito de constelacións e planetas, empregando unha gama cromática extraída do propio entorno portuario.
A intención inicial dos artistas é a de dividir o espigón en tres espazos, dando cabida ás tres parroquias guardesas (A Guarda, Camposancos e Salcidos) representando deste xeito o «universo guardés», e onde a parte literaria estará representada cun fragmento do libro «De mar a mar» do poeta Feliciano Rolán Vicente.
As diferentes escalas da iconografía non buscan que se vexan perfectamente dende as beiras do paseo ou dende o alto do Monte Santa Trega, senón que a xente teña curiosidade e se achegue ata o espigón para descubrir o que alí se vai plasmando, xerando inquietude, movemento e tamén difusión deste proxecto artístico.
O resultado final, fará que o espigón do Porto da Guarda sexa un museo visual no que os veciños e visitantes da Guarda vexan, recorden e interactúen con boa parte da historia do noso pobo.
Dende mediados de agosto o proxecto «A Guarda escrita nas estrelas» vai collendo forma e son moitos os veciños e visitantes que se achegan ata o Porto para ver estes traballos e interesarse polos diferentes debuxos e figuras que día a día van enchendo de cor e protagonismo ao espigón do Porto da Guarda.
Sobre os artistas Nuvi & éxfico
Ela, a artista Nuria Villa, alias NUVI, ilustra e él, o deseñador gráfico Alberto Brandon, alias éxfico. debuxa tipografías, creando traballos que os teletransportan a unha existencia plena. Despois dunha viaxe reveladora a Xapón en 2014 e como hobby aos seus traballos de fotografía e deseño para «Petit de la Crème», comparten as súas afeccións nun novo proxecto de forma totalmente manual, crean: A Guarda Souvenir Collection, como pura necesidade de crear souvenirs con paixón que representen o pobo onde viven. Ademais da súa marca de roupa éxfico clothing, comenzan a xurdir todo tipo de traballos para murais, eventos, identidades corporativas... nos que plasman a súa propia personalidade, debuxos cun aire divertido, cun toque naif e perfeccionista, ilustracións combinadas con letras, onde a mensaxe e os detalles son moi importantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario