29 de ago. de 2018

TUI

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Tui, Carlos Vázquez, e con representantes dos veciños de Paramos 

Ethel Vázquez avanza a ampliación nun mes do prazo de solicitude de axudas para vivenda e enxoval aos veciños de Tui afectados pola explosión pirotécnica 

Vázquez Mourelle pídelle ao Goberno de España que “en vez de poñerse de perfil, arrime o ombreiro para axudar aos veciños de Paramos"

A Xunta reiteraralle de novo ao Goberno central que asuma as tarefas de desentullo, complemente as axudas autonómicas e arbitre os mecanismos para que as subvencións queden exentas do Imposto da Renda ás Persoas Físicas  


Subliña que a Xunta concedeu 21 subvencións para aloxamento provisional e das 107 solicitudes de axudas para reparar vivendas e enxoval, 66 expedientes teñen resolución favorable, cun importe de 1,5 M€, dos que están aboados máis do 40%  

Fai fincapé en que as axudas activadas desde a Xunta superan os 8 millóns de euros e son compatibles coas doutras administracións 

Lamenta a pasividade da Deputación provincial, limitándose a ofrecer ao Concello a posibilidade de presentarse a convocatorias non específicas para este desastre  

Infogauda / Tui

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e con representantes dos veciños afectados pola explosión pirotécnica, na que avanzou a ampliación nun mes do prazo para solicitar axudas para vivenda e enxoval.  

 Vázquez Mourelle explicou que o prazo remataba a vindeira semana, o 6 de setembro, pero alóngase para que os veciños teñan máis tempo para decidirse a solicitar estas axudas e reunir a documentación necesaria.  

 Subliñou que a Xunta xa ten concedido as 21 subvencións para aloxamento provisional que cumprían os requisitos e no marco das axudas destinadas a reparar as vivendas e enxoval doméstico, foron 107 as solicitudes presentadas e obxecto de resolución favorable 66 expedientes, axudas por importe de 1,5 M€, dos que xa están aboados máis do 40%. 

 Fixo fincapé en que as axudas activadas desde os distintos departamentos da Xunta superan os 8 millóns de euros e son compatibles coas doutras administracións, polo que é fundamental que se impliquen tamén o Goberno central ou a Deputación Provincial.  

 A conselleira insistiu en que as dimensións do acontecido en Paramos fan necesaria a colaboración de todas as administracións e nesta liña pídelle ao Goberno de España que “en vez de poñerse de perfil, arrime o ombreiro para axudar aos veciños".  

 A Xunta de Galicia reiterará de novo, tras facelo xa o presidente da Xunta no encontro con Pedro Sánchez en xullo, que o Goberno central asuma as tarefas de desentullo, complemente as axudas autonómicas e arbitre os mecanismos para ofrecer beneficios fiscais aos afectados, para que as subvencións queden exentas do Imposto da Renda ás Persoas Físicas.  

 A titular autonómica de Vivenda tamén lamentou a pasividade da Deputación provincial, limitándose a ofrecer ao Concello a posibilidade de presentarse a convocatorias non específicas para este desastre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario