O COMPOST DO PLAN REVITALIZA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PERMITE AO CARLOS OROZA PRODUCIR A MAIOR COLLEITA DA SÚA HORTA ESCOLAR
O alumnado estuda o plan de compostaxe provincial como materia transversal en todas as asignaturas
A horta na que traballa todo o alumnado do centro está a dar a maior colleita da súa historia
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
O compost que se produce ao abeiro do Plan Revitalizano Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza está a ter nestas semanas resultados espectaculares: a horta na que traballa todo o alumnado do centro está a dar a maior colleita da súa historia. Só na última semana producíronse máis de 100 quilos de tomates etamén caixas de xudías, pementos, e moitos froitos vermellos, entre outras hortalizas, froitas e plantas aromáticas. A maior parte desta produción estase a repartir entre os colaboradores do micro mecenado que permitiu ampliar a zona de cultivo, pero tamén a conxelar para poder utilizar durante o curso.
O director do centro, Manuel Hermo, explica que a horta escolar estaba en marcha xa no ano 2015, mais foi coa chegada do Plan Revitaliza no curso 2016-2017 cando dou un pulo moi importante ao comezar a utilizar como fertilizante o compost producido cos biorresiduos do CIFP nos centros de compostaxe da Deputaciónubicados nas inmediacións da cociña. “O uso do compost por suposto que se nota, xa que nos permite ter un bo substrato fertilizado. Nótase que os produtos medran con máis brío. Os tomates, por exemplo, están máis carnosos, teñen máis cor, son máis naturais, como os da casa, que non están calibrados… E temos de diferentes tipos”, manifesta satisfeito.
A horta, que ten uns 350 metros cadrados, divídese en bancais e un invernadoiro para os cultivos específicos. En total cultívanse ata 47 tipos de hortalizas, froitas e herbas segundo tempada, e agora estanse a recoller fundamentalmente tomates, xudías, pementos, acelgas, pepinos, amoras, framboesas, fisalis… No inverno colléitanse repolos, cenorias, rabaniños, apio, allos porros ou grelos, entre outros, que despois son utilizados na oferta gastronómica no restaurante Álvaro Cunqueiro ou na cafetería Suso Domínguez do centro, que están abertos ao público. Para cultivar todas estas ‘compo-hortalizas’ utilízase todo o compost producido nos centros de compostaxe, que supoñen aproximadamente 15.000 litros anuais xerados dos restos de cociña e vexetais das clases e do comedor.
Agora, a pesares de que a horta funciona como un aula durante as clases, todo o persoal docente e alumnado está en plenas vacacións, mais ‘motu proprio’ e de xeito organizado o profesorado estase a facer cargo de recoller as hortalizas.
Segundo explica Manuel Hermo, a horta do Carlos Oroza é un aula máis do centro, que complementa tanto ás materias de cociña, pastelería, turismo ou servizos, e o Plan Revitaliza ao apostar pola compostaxe, “fomenta uns valores como a produción responsable, a economía circular, o respecto ao medio ambiente, a reutilización…que son transversais para as nosas asignaturas. O Revitaliza cadra perfectamente cos obxectivos das nosas materias e permite autoabastecernos de moitos produtos, o que supón non só ter produtos de calidade senón un aforro económico de cousas que non temos que mercar, como as herbas aromáticas, que son moi caras”.
“Aquí todos os biorresiduos que se xeran en cociña ou comedor trátanse no composteiro e despois, co compost, abónanse a horta… o que se chama a economía circular”, apunta Hermo, quen explica que o obxectivo da dirección e o profesorado é que a totalidade do alumnado participe tamén no funcionamento práctico do centro de compostaxe ademais de falar da compostaxe nas aulas e ver os resultados na horta. “Ao primeiro era unha cuestión puntual, pero estamos a incrementar de forma progresiva o número de grupos que traballan alí”, subliña o director.
Para o vindeiro curso escolar o centro Carlos Oroza terá unha ocupación de 440 alumnas e alumnos e un plantel de 50 profesoras e profesores. Nestes momentos xa están completos os ciclos de cociña, panadería e aloxamento turístico, e aínda quedan prazas de servizo de restaurante, que se pensan cubrir no mes de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario