17 de ago. de 2018

PONTEVEDRA

AREEIRO ADVIRTE QUE AS VIÑAS PODEN NECESITAR UN ÚLTIMO TRATAMENTO CONTRA A COUZA DO ACIO ANTES DA VENDIMA  

· O persoal técnico detectou que o pintado da uva vai xeneralizándose en todas as comarcas e que o grao alcohólico da uva albariña está entre 5 e 6,5, polo que a recollida farase entre a terceira e a última semana de setembro   

Plasmopara vitícola - Brotes terminales con manchas de mildiu
Fotos: EFA
Infogauda / Pontevedra

 O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de detectar que o pintado das uvasestá xeneralizándose en todas as comarcas, e que o grao alcohólico dos grans de albariño está entre 5 e 6,5 graos. Por este motivo, estímase que a vendima non se iniciará ata a terceira ou última semana de setembro e aconséllase controlar a evolución das viñas, xa que probablemente haberá que dar algún tratamento máis, en concreto pola couza do acio, antes de recoller a uva.   

 A responsable dos avisos fitosanitarios da EFA, Rosa Pérez, explica que na última semana incrementouse a cifra de machos de couzas do acio (Lobesiabotrana, Eupoecilia ambiguella) nas trampas que instaladas nas parcelas de seguimento. En xeral, con respecto a esta patoloxía aconséllase agardar a que para a semana baixen as capturas, e avaliar logo a situación canto a nivel de penetracións nos grans para tomar unha decisión sobre o tratamento. “É difícil facer recomendacións xerais (que non serían reais), porque as capturas e os picos de voo poden variar mesmo entre parcelas veciñas, polo que sempre é recomendable instalar trampas”, explica Pérez.  

 Hai que lembrar que os limiares de tratamento contra as couzas do acio están en 3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e no 8% nas menos sensibles. Facendo estes recontos e tratando cun insecticida que non sexa especificamente dos que afectan á fisioloxía ou comportamento da praga “aínda se poden ter bos resultados”, advirte a técnica.  

Ataque inicial de Botrytis Cinerea en acio de albariño. Obsérvese: (flecha A) micelio incipiente do fungo; (flecha B) a penetración da polilla

 En canto á botrite, como xa se anunciou, a partir de agora hai máis probabilidade de que este patóxeno se instale en acios con feridas, así como nas variedades sensibles polo incremento de azucres na uva. Nesta semana aínda non se detectaron síntomas en albariño nas fincas revisadas e, dado que as previsións meteorolóxicas para a próxima semana son de tempo seco e caloroso, parece que non será necesario tratar ao non haber condicións favorables. En calquera caso, nas variedades máis sensibles ao patóxeno aínda poden producirse danos se se rexistra un cambio nas condicións ambientais, o que obriga a manter a vixilancia. 

 Tamén continúan manifestándose as alteracións típicas destas alturas da campaña nas viñas, sobre todo despois das olas calor: avanzan os síntomas das plantas con alteracións da madeira (as mortas xa poden eliminarse agora), de estrés climáticos e acios con golpes de sol.  

 A afección por cicadélidos, por outra banda, segue a ser baixa. Son poucas as capturas de adultos nas trampas das parcelas de seguimento, onde pola contra si se incrementou o número de adultos en voo que se posaban no envés das follas vellas cando se facía a revisión.  Nos recontos  de follas ao azar detectouse algunha ninfa máis de  Empoascavitis, aínda que sen acadar o limiar de tratamento.   

 En canto ao Mildeu, ao atoparse as viñas no inicio do pintado, xa non se espera que o fungo afecte aos acios (e os que están danados empezan a secar) pero aínda pode afectar a follas e pampos. Neste sentido, nas parcelas de seguimento obsérvanse dúas situacións: ausencia total de síntomas novos e secado das manchas antigas aínda superándose amplamente o período de protección teórico do último tratamento (máis dun mes), e presencia de manchas con  frutificación nos gromos terminais e manchas vellas con zona de avance.   

 Dado que nos próximos días permanecerá o tempo seco e as temperaturas máximas estarán novamente moi altas (mesmo superarán os 35º) con ventos de compoñente leste “non será necesario en xeral aplicar ningún tratamento pero si, e isto volve ter unha importancia crucial, as podas en verde para eliminar os pampos que volven dificultar a ventilación dos acios”, advirte Pérez.  

 Por último, hai que sinalar que as condicións climáticas desta semana foron bastante favorables ao Oídio, especialmente en zonas onde houbo néboas, polo que se observou maior presencia do patóxeno nas follas. A estas alturas da campaña considérase que esta enfermidade xa non vai orixinar problemas, pero en todo caso recoméndase manter a vixilancia nas parcelas onde se rexistraron infeccións e nas especialmente susceptibles. Nestas fincas cobrarán aínda maior importancia as labores de control da vexetación que impide a boa aireación da viña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario