30 de ago. de 2018

BAIONA

O PP denuncia a situación caótica que sufriron este verán as oficinas de información turística da provincia porque a Deputación non aportou persoal para reforzalas  

Elena Muñoz critica a nula xestión do Goberno de Carmela Silva, á que acusa de intentar poñerse continuamente medallas cos datos turísticos da provincia, cando estes datos son mérito do sector e dos propios concellos e a pesar da Deputación e do seu Goberno. 

Ángel Rodal critica que a Deputación incumpriu o convenio que Baiona asinou para adherirse á rede de oficinas Rías Baixas. “Ofrecíanos persoal por un ano, despois reduciron o contrato aos meses de agosto e setembro, e finalmente contaremos con el os últimos quince días de setembro ou nin sequera iso”. 

Os populares defenderán no próximo pleno provincial unha moción para convocar unha reunión co sector e cos alcaldes no último trimestre do ano para analizar esta situación e buscar solucións de cara á planificación de 2019.  

Os deputados provinciais Elena Muñoz e Santiago Rodríguez, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal. lamentaron a “situación caótica e incluso extrema”

Infogauda / Baiona

 A un día de que acabe o mes de agosto, o Partido Popular denunciou esta mañá en Baiona que a maior parte das oficinas de turismo da provincia que recentemente se adheriron á rede do Patronato Rías Baixas rematan o verán sen recibir o persoal de reforzo comprometido pola Deputación de Pontevedra. Este é o caso da oficina de turismo de Baiona, pero tamén doutros concellos como A Guarda, O Grove, A Estrada, A Illa, Bueu ou Catoira. Así o explicaron os deputados provinciais Elena Muñoz e Santiago Rodríguez, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que lamentaron a “situación caótica e incluso extrema” que están sufrindo.  

 Rodal recordou que entre os beneficios de unirse a esta rede, ofrecíanse melloras na calidade e nas estatísticas, na promoción do destino, pero tamén se incluía a contratación dunha persoa de apoio para a oficina de información turística. “Adherímonos ao convenio pero a Deputación incumpriu, a 30 de agosto esa persoa de reforzo non chegou”. O alcalde popular critica que ao principio ofrecían “persoal por un ano, despois reduciron o contrato aos meses de agosto e setembro, e finalmente contaremos con el os últimos quince días de setembro ou nin sequera iso, porque estamos a 30 de agosto e agora dinos que o concello ten que facer directamente a contratación”.  

 Para a deputada provincial e voceira do grupo, Elena Muñoz, esta situación “é extraordinariamente importante”, xa que “o turismo é fundamental para a provincia e para concellos como o de Baiona, e é preciso que todas as administracións, incluída a Deputación de  Pontevedra, o apoien”.  

 A popular criticou a nula xestión do Goberno de Carmela Silva, á que acusa de intentar poñerse continuamente medallas cos datos turísticos da provincia, cando estes datos son mérito do sector e dos propios concellos e a pesar da Deputación e do seu Goberno. “Estamos acostumados a ver como cada pouco tempo Carmela Silva fai roldas de prensa para presumir dos datos turísticos da provincia, cando eses datos bos non son gracias ao apoio da Deputación nin ás medidas que pon enriba da mesa, senón que son a pesar da Deputación de Pontevedra, do seu goberno e da súa presidenta”.  

 Nesta liña, dixo que o exemplo de Baiona pon de manifesto “o nulo apoio ás oficinas de turismo, que este verán viviron unha situación de caos pola falta de planificación desta Deputación que non fai máis que improvisar”. O resultado, engadiu, “é que estamos falando o 30 de agosto e a maioría das oficinas de turismo da provincia, algunhas tan importantes como Baiona, O Grove, A Illa, Bueu ou A Guarda, continúan sen persoal da Deputación de Pontevedra ou, por exemplo, no caso de Sanxenxo, o reforzo chegou tarde, a mediados deste mesmo mes”.   

 “A nula capacidade de xestión da Deputación provocou que os concellos teñen que tirar dos funcionarios e pedirlle un sobre esforzo, como no caso de Baiona, porque a axuda da Deputación nin está nin se lle espera”. Por iso, destacou que “hai outro xeito de organizar as cousas, o turismo é moito máis que intentar poñerse medallas cuns datos de turismo e cun traballo que fan outros”.  

PIDEN REUNIÓN COS ALCALDES E CO SECTOR 

 Por todo isto, o PP considera que é fundamental aproveitar os últimos meses deste ano para facer unha análise seria e realista da xestión da Deputación en materia turística e facelo co propio sector e cos concellos, e escoitar todas as aportacións que teñen que facer para mellorar a planificación de cara a próxima tempada.   

 Por este motivo, explicou Santiago Rodríguez, o grupo provincial presentará unha moción no próximo pleno da Deputación, a principios de setembro, para reclamar que se convoque ao sector e aos concellos a unha reunión no último trimestre do ano. “Cando as cousas funcionan ben, é unha pena cambialas. E iso é o que fixo Carmela Silva, en lugar de mellorar algo que xa había o que fixo foi empeoralo, e a consecuencia é o desastre que tiveron que padecer as oficinas de turismo provinciais este verán”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario