XII edición do Festival Bandas Vila da Guarda
Este sábado día 25 de agosto, ás 20:00 h. no Auditorio de San Bieito
A Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda nunha das súas actuacions no Auditorio ao aire libre San Bieito, de A Guarda
Foto: Infogauda
Foto: Infogauda
Infogauda / A Guarda
A Praza de San Bieito da Guarda acollerá este sábado día 25 de agosto o XII Festival de Bandas «Vila da Guarda», unha cita musical que contará coa participación da Banda de Música da A.V.C.D. de Candeán, a Banda da Escola de Música de Rianxo e coma anfitrioa a Agrupación Musical da Guarda.
Este concerto ao aire libre e con entrada de balde, terá inicio ás 20:00h e en caso de choiva celebrarase no patio cuberto do Colexio PP. Somascos.
As bandas participantes farán a entrada á Praza de San Bieito para proseguir coas súas respectivas actuacións.
O Festival «Vila da Guarda» constitúe unha cita musical consolidada no calendario cultural da tempada estival na Guarda, contando cada ano cunha gran afluencia de público.
Dende o Concello da Guarda convídase a todos os veciños e visitantes a acudir a esta cita para gozar da boa música e do amplo e variado repertorio que cada ano se amosa nesta actividade.
Información sobre as bandas de música participantes
AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA
Por iniciativa de pais e profesores do Conservatorio de Música e do Concello de A Guarda, nace en novembro de 2001 o proxecto de creación dunha Banda Xuvenil de Música formada por alumnos do Conservatorio Elemental de Música de A Guarda.
Despois de dous anos de formación, a nova agrupación musical, actúa por primeira vez en público no Festival fin de Curso 2002-03. Pero sería o sábado día 25 de xuño de 2005, na Praza do Reló de A Guarda, cando a Agrupación Musical de A Guarda fixo súa presentación oficial amadriñada pola Agrupación Musical do Rosal, con 44 compoñentes.
Dende a súa creación a Agrupación Musical de A Guarda ten actuado en diversos actos culturais celebrados tanto na Guarda, como na comarca do Baixo Miño, así como en diversos festivais fóra da provincia: Intercambio de Bandas de Música en Pola de Laviana (Asturias), Festival de Bandas en Vincios (Gondomar), Intercambio de bandas en Ortigueira, I Encuentro Nacional de Bandas en Arroyo de la Encomienda (Valladolid), Festival de bandas de Barbadás (Ourense), etc.
No ano 2009 participa por primeira vez no Certame Provincial de Bandas, acadando o 2º premio na 3ª categoría (ata 45 músicos). No ano 2010 participa no X Certame Provincial de Bandas conseguindo o 3º premio e no IV Certame Galego de Bandas en Santiago acadando a 4ª posición. En agosto do 2011 grava o seu primeiro CD no Auditorio Municipal de Goián, xa que A Guarda carece desa infraestructura. Créase tamén unha banda infantil que comeza os seus ensaios no mes de xullo actuando por primeira vez en público o 3 de decembro do mesmo ano durante a celebración da festividade de Santa Cecilia. A banda infantil componse de 31 músicos e a súa dirección está a cargo do profesor José Antonio Soutelo Muñoz. En 2014 a Agrupación Musical de A Guarda participa no programa Luar, da Televisión de Galicia e en 2015 participa no III Festival Zonal de Bandas da Deputación de Pontevedra. En 2016, cando os compoñentes da banda infantil xa quedaron integrados na Agrupación Musical de A Guarda, créase un grupo de iniciación no que poden entrar músicos principiantes de calquera idade, co fin de formar canteira para a banda. Este grupo está formado por 22 músicos e dirixido por José Antonio Soutelo.
Actualmente, a Agrupación Musical de A Guarda está formada por 62 músicos e dirixida dende os seus inicios por Víctor Luís Alonso Treinta.
BANDA DE MÚSICA DA U.V.C.D. DE CANDEÁN
A fundación da Banda Escola de Música da U.V.C.D. de Candeán remóntase ao ano 1993 coa creación dunha escola de música no seo da Unión Veciñal Cultural e Deportiva de Candeán. Un ano máis tarde, foron escollidos os alumnos máis avantaxados desta escola para ser instruídos nos distintos instrumentos musicais. Así o día 18 de novembro do ano 1995 fai a súa presentación oficial a Banda Escola de Música da U.V.C.D. de Candeán. Dende entón a banda actuou en multitude de festas populares en Galicia e Portugal, e participa habitualmente en festivais e encontros de bandas de música.
Banda de Música da U.V.C.D. de Candeán
Banda de Música da U.V.C.D. de Candeán
D. Jesús Iglesias Álvarez foi o director fundador da Banda Escola de Música da U.V.C.D. de Candeán e asumiu con éxito este cargo ata 2004, ano no que D. Ángel Antonio Montes Abalde recolle o relevo e dirixe a banda ata comezos de 2014, levando a cabo un labor maxistral coa agrupación, como queda reflectido nos numerosos premios obtidos durante eses dez anos. D. José Varela Pardo ocupou o cargo de director da banda entre abril de 2014 e outubro de 2015. Na actualidade, D. Iago Lariño Rodal é o director da Banda de Música da U.V.C.D. de Candeán.
Ao longo destes anos, a Banda acadou premios en moitos certames a nivel galego entre os que destacan o 1º premio na sección segunda do “III Certame Provincial de Bandas de Música”, no ano 2001; o 1º premio e Mención de Honra Caixa Galicia na sección terceira do “VI Certame Provincial de Bandas de Música”, no ano 2006, organizados ambos pola Excma. Diputación Provincial de Pontevedra; e o 1º premio na sección terceira do “III Certame Galego de Bandas de Musica”, celebrado no Auditorio de Galicia no ano 2009.
A Banda de Música da U.V.C.D. de Candeán conta actualmente con máis de 40 compoñentes, dos que moitos ofician os seus estudos musicais nos Conservatorios de Música de Vigo e arredores. Ademais, a banda conta co respaldo dunha escola de música que forman 13 mestres titulados e cerca de 80 alumnos, 30 dos cales forman parte da banda escola.
BANDA DA ESCOLA DE MÚSICA DE RIANXO
A Escola de Música de Rianxo créase no verán do 2001 coas iniciativas e inquedanzas do seguinte grupo de músicos rianxeiros: Ramón Pérez, Carlos Figueira, José Fungueiriño e Rafael Collazo. Nace como un proxecto educativo para servir de complemento á educación dos/as mozos/as rianxeiros/as. Como resultado desta iniciativa cultural, xorde no ano 2003, con alumnos da propia escola, a Banda da Escola de Música de Rianxo. Na actualidade conta con 65 músicos.
De resultas disto, a banda nestes quince anos, mostra unha madurez extraordinaria que deu como froito no ano 2007, o terceiro premio no I Certame Galego de Bandas na sección terceira; no 2008 o 1º premio no II Certame Galego de Bandas na sección terceira; no 2009 o 2º premio e premio á mellor interpretación de obra libre no III Certame Galego de Bandas na sección segunda; no 2010 o 4º premio no IV Certame Galego de Bandas na sección primeira; no 2012 o 3º premio no VI Certame Galego de Bandas na sección segunda e no 2016 o 1º premio no X Certame Galego de Bandas na sección segunda, celebrados en Santiago de Compostela.
Desde a súa fundación no 2003 ata hoxe podemos subliñar:
Desde a súa fundación no 2003 ata hoxe podemos subliñar:
Intercambios culturais, participación desde o seu comezo no integrador e innovador proxecto “MUSIGALIZANDO”, asemade é destacable o seu “Ciclo de Bandas” promovido polo Concello de Rianxo. Mención especial merecen os concertos especiais que fai cada ano ao remate do verán, cunha temática diferente: Concerto de bandas sonoras coa proxección de fragmentos da película, concerto de obras orixinais para bandas de música, concerto baseado en obras literarias, concerto “Unha Noite de Amor con Lela”, concerto co trío Vaamonde, Lamas & Romero, concerto co grupo “Carapaus”, concerto de banda e narrador e concerto co Grupo de Baile e Música Tradicionais Brincadeira. Fai a estrea das obras: Fantasía Rianxeira de X. Carlos Seráns; Retrincos de David Fiúza, O Jazz na Banda de Roberto Somoza; Lembranzas do Mar, Sinfonía nº 2: “A Lenda de Paio Gómez Chariño”, Serengetti, Overtura en Miniatura e Mande Antón Alcalde; Fanfarrias Xacobeas de Juan Durán; Máis Aló! de Iago Hermo.
Desde os seus comezos, o responsable da Banda da Escola de Música de Rianxo é o seu Director D. Rafael Collazo Moares.
Desde os seus comezos, o responsable da Banda da Escola de Música de Rianxo é o seu Director D. Rafael Collazo Moares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario