24 de xul. de 2018

TOMIÑO

XEIRAS IEM 2018

Camiño da Nosa Sra. do Norte. Dos Liñares ao Mosteiro.

Xoves 2 de agosto ás 18:30 h.



IEM / Tomiño


 O vindeiro xoves 2 de agosto ás 18:30 h. terá lugar a sexta xeira de verán polo concello de Tomiño, Camiño da Nosa Sra. do Norte. Dos Liñares ao Mosteiro, dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.   

 O punto de encontro será no Igrexa de Santa María, de Tomiño. 

 HABERÁ DOUS INTÉRPRETES EN LINGUA DE SIGNOS PARA XORDOS.   

 AS XEIRAS DO IEM. VERÁN 2018   

DOS LIÑARES AO MOSTEIRO DE TOMIÑO.  

O CAMIÑO DA NOSA SEÑORA DO NORTE   

Guía 
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO   

 Durante esta xeira, continuidade da que dedicamos o ano pasado a Goián como punto de contacto deste camiño co territorio galego, veremos e comentaremos retallos dun notable patrimonio histórico, etnográfico e artístico. Falaremos de seculares formas de ordenación do territorio, trataremos arquitectura vernácula, sempre tan ben imbricada no lugar, falaremos de indianos “brasileiros” e das exóticas arquitecturas que promoveron nas terras de orixe, lembraremos ritos e costumes creados para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural respecto do alén, daremos con topónimos evocadores esparexidos nunha paisaxe onde a viña da caste albariño é referencia insubornable, e transitaremos belos espazos de arquitectura románica ideados e construídos por mestres canteiros do século XII. Todo durante as aproximadamente tres horas que nos levará percorrer os 4,20 quilómetros dun tramo de camiño que por mor da concentración parcelaria vai incluír os Liñares; un traxecto afectado de mínima dificultade. O punto de encontro é a igrexa parroquial de Santa María, en Tomiño. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañado de intérprete de lingua de signos.

 O camiño é un elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Hoxe outra vez imos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende, cando menos, o medievo. O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal- e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aquí segue baixando polo pé da Forca de Lobos ata Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata aproximarse á parroquial de Mañufe e dende aí vai ao barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor (neste punto parece existiu un antigo hospitaliño). Continúa polo Cruceiro do Acordo, pasa polo Pazo de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Segue polo treito empedrado ante o Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal vai coincidir coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios, logo de atravesar nese lugar o río agora coñecido como Zamáns pero citado en documentos medievais como Miñor. A continuación polo barrio da Rocha chega ao  Muíño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo ante un antigo marco recolocado que indica o inicio de Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e, por Romil, a Falperra e Alfonso XII, chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario