Absoluto éxito da estrea de DepoDesafío 2018
Con máis dun centenar de deportistas na primeira proba entre Tomiño e A Guarda
Brais Misa e Ariana González venceron na carreira de 14 quilómetros marcada polas altas temperaturas
Os tres primeiros atletas de cada categoría, xunto cos deputados Montserrat Magallanes e Santos Héctor Rodríguez, e os concelleiros de Deportes de Tomiño, O Rosal e A Guarda
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
A Deputación de Pontevedra inaugurou con éxito o seu novidoso programa deportivo “DepoDesafío 2018” cunha carreira a pé de 14 quilómetros que uniu os concellos de Tomiño e da Guarda. Nesta proba, na que participaron un centenar de deportistas, cruzaron a liña de meta en primeira posición Brais Misa, en categoría masculina, e Ariana González Verde, en feminina que recibiron os seus trofeos nunha entrega á que asistiron a deputada Montserrat Magallanes Álvarez e o deputado Santos Héctor Rodríguez Díaz.
Brais Misa flanqueado polo segundo e o terceiro clasificado
Brais Misa rematou a proba nun tempo de 49´ 48" segundos, con 24 segundos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Jose Carlos Ferreira González, de A Guarda.
Ariana González Verde, flanqueda pola segunda e a terceira clasificada
Pola súa banda, Ariana González Verde, de Camposancos (A Guarda) chegou a meta, situada na Alameda da Guarda en 58´44", clara gañadora por diante de Mónica Mezquita, que parou o crono en 1 hora, 2 minutos e 19 segundos.
Tanto Brais como Ariana lideran actualmente a clasificación xeral do “Depo Desafío 2018”. Ao finalizar todas as probas organizadas pola institución provincial gañarán a muller e o home que rematen ao menos 4 probas e consigan o maior número de puntos.
Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín, voo e aloxamento para eles e acompañantes.
A deputada Montserrat Magallanes Álvarez e o deputado Santos Héctor Rodríguez Díaz, fixeron entrega de dous voos á Valencia, para dúas persoas cada ún deles, sorteados entre os atletas participantes..
Tras a celebración desta carreira a pé, na que sorteáronse dous voos a Valencia, a segunda cita do “DepoDesafío 2018” será unha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e a Illa da Toxa. Para esta proba, para a que xa están anotadas 90 persoas, o prazo de inscrición segue aberto.
Amais, despois da travesía a nado, o “DepoDesafío 2018” chegará á Cañiza cun trail de aproximadamente 15 quilómetros que levará aos e as participantes a alcanzar os cumios de montes con espectaculares vistas.
Despois desta proba a seguinte será en Cerdedo-Cotobade, onde celebrarase unha proba BTT cun percorrido en bicicleta de aproximadamente 35 quilómetros.
Por último, o primeiro fin de semana de outubro, Vigo acollerá un tríatlon en distancia sprint (750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pé) que porá punto e final a primeira edición do “DepoDesafío 2018”.
As inscricións para todas as probas deste programa da institución provincial poderán realizarse a través da web da Deputación. Todas as persoas interesadas poderán anotarse individualmente a cada proba ou tamén poderán facer a inscrición para todas xuntas..
“Depo Desafío 2018” enmárcase no Plan Estratéxico de Deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas como carreira, bicicleta e natación. Os principais obxectivos deste programa son popularizar estas probas deportivas, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario