5 de xul. de 2018

LABORAL

ZF Dalphimetal discrimina as traballadoras que secundaron a folga do 8M

As e os representantes da CIG na compañía de automoción viguesa denuncian que a dirección non lle renovou o contrato a unha compañeira que participou no paro



 Os e as representantes sindicais da CIG en ZF Dalphimetal España, empresa do sector da automoción con sede en Vigo, denuncian que a dirección vén de discriminar a unha traballadora por secundar o paro feminista do pasado 8 de marzo non renovándolle o contrato.

 Segundo explican, ZF Dalphimetal vén facendo contratos de traballo por acumulación de tarefas, chegando a ter unha porcentaxe de preto dun 50% de eventualidade dende o repunte do sector da automoción. En data 16-11-2017 eran contratadas oito persoas, que ao cabo dos seis meses de contrato son todas renovadas agás tres delas, un traballador por estar en situación de ILT baixa, outro porque se negaba a facer horas extras e o caso máis discriminatorio: unha traballadora eventual de fabricación por secundar a folga do 8M.

 A empresa aproveitou que nese momento aínda non estaba constituído o comité de empresa que viña de saír do proceso de elección dos seus representantes, polo que os delegados da CIG optaron, en primeiro lugar, por denunciar verbalmente á empresa nunha reunión mantida con RRHH e solicitando documentación sobre contratación nesas datas; logo de revisar a documentación quedou en evidencia a discriminación da non continuidade destes/as tres traballadores/as, e en especial a discriminación da muller por secundar a folga.

 Feitas varias peticións á empresa sobre o que entendían unha discriminación, sobre todo no caso da traballadora, e tratando en todo momento de que a empresa asumira unha rectificación dos feitos, a día de hoxe seguen a dicir que foi por causas de necesidade de fabricación, xa que supostamente os traballos que desenvolvía xa non eran necesarios.

 “Quedou en evidencia a mentira do departamento de RRHH, xa que segue a contratarse persoal para as mesmas tarefas que desenvolvía a traballadora”, sosteñen.

 Os e as representantes da CIG en ZF/Dalphimetal lembran que nas reunións mensuais coa empresa a CIG xa se lle advertira á dirección que non se lle ocorrera penalizar as traballadoras/res que decidiran secundar a folga. “Queremos manifestar a máis rotunda repulsa a esta actitude discriminatoria e en especial de xénero, polo que non descartamos adoptar accións legais contra estas actitudes empresariais que vulneran dereitos fundamentais como é o de folga”.

 Finalmente, esixen a rectificación urxente da dirección de ZF/Dalphimetal para que a traballadora e traballadores que foron excluídos/as da renovación sexan readmitidos/as.

Vigo, 5 de xullo de 2018.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario