5 de xul. de 2018

PONTEVEDRA

NATALIA UMPIÉRREZ, NOELA COVELO, BLANCA NIEVES LURÉS E LOIS BÚA, PREMIOS NOVOS VALORES 2018  

· O deputado de Cultura Xosé Leal comunicou esta mañá ás persoas galardoadas a concesión das catro bolsas 7.500 euros para estudos artísticos   

· O xurado seleccionou unha escultura, unha performance audiovisual, unha pintura e un vídeo de entre as 99 pezas presentadas   

O tribunal está diante da peza de pintura seleccionada como gañadora.
Fotos: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 Natalia Umpiérrez coa escultura ‘Lo merecido’, Noela Covelo coa performance audiovisual ‘Mystatement’, Blanca Nieves Lourés coa pintura ‘Ternura’, e Lois Búa cun vídeo titulado ‘Synth-BIOs –sobreinformación-’, veñen de ser confirmados como os premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2018 da Deputación de Pontevedra. Así o decidiu o xurado despois de valorar as 99 propostas presentadas: tanto as pezas artísticas como a finalidade á que os autores pretenden destinar a bolsa de estudos e a súa traxectoria e currículo.  

 O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, comunicou no día de hoxe a nova ás persoas galardoadas e indicou que, ademais dunha bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos, serán as protagonistas dunha exposición no Museo de Pontevedra coa obra creada no vindeiro ano. O nacionalista apuntou tamén que o xurado seleccionou outras 22 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2018. A mostra abrirá ao público o vindeiro 2 de agosto no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, onde se poderán admirar seis pezas escultóricas, cinco de fotografía, catro de debuxo, tres respectivamente de pintura, vídeo e outro tipo de creacións (varios), así como dous gravados. 

 A obra seleccionada de Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982), unha habitual do certame Novos Valores –participou na exposición de 2014, 2016 e 2017-, é unha escultura titulada ‘Lo merecido’, creada en cerámica rakú con espello de bronce disposta nun estante de madeira. Segundo as súas propias verbas, a peza aborda a problemática que xurde entre a inviabilidade do éxito e a necesidade ou obriga de proxectar unha imaxe exitosa. Para a creadora, os fenómenos contemporáneos como os ‘likes’ apremian a unha constante exhibición de méritos, da que “xorden ficticios ou manipulados relatos de éxito que, presentados a través da imaxe, desprenden con frecuencia unha lectura que transmite certo aire de desesperación, de baleiro, de cansazo, que os afasta fatalmente do fin para o que foron creados”. 

 O destino da bolsa de Umpiérrez será a ampliación da súa formación artística en México para afondar na técnica da cerámica de barro negro e verde típica da zona de Oaxaca. A súa intención é investigar no Museo de Antropoloxía da Cidade de México e despois desprazarse a Atzompa para traballar nun obradoiro familiar coa familia Porras. 

 ‘Mystatement’, de María Maquieira (Pontevedra, 1984), é un proxecto composto por tres panos de seda e unha performance audiovisual. Nos panos aparecen grandes frases escritas sobre o traballo da autora separadas por signos de pausa respiratoria como os das partituras de cantantes. No vídeo establécese unha relación cos panos e os textos, con exercicios de quecemento vogal, interpretación de anécdotas históricas e interpretación vogal e improvisada. A performance, segundo a autora, fai alusión á tradición popular galega, xa que toma como referencia os ‘alalás’ como base melódica. 

 A súa proposta para investir a bolsa é desenvolver un proxecto de produción artística arredor da actividade cultural dos anos 20-30 do século XX no barrio pontevedrés da Moureira. A idea, explica, xurdiu dunha coincidencia, xa que a autora levaba un día calcetíns brancos e sandalias, o que motivou que a súa avoa explicoulle que por aquel entón ás prostitutas identificábanse ao ir á revisión médica semanal dos luns desa mesma maneira: calcetíns brancos e sandalias. “O cambio connotativo de valores ou a conexión inesperada sedúceme para continuar a investigación e construír un proxecto e, á vez, facer perdurar unha anécdota que cruzou tres xeracións e que relaciona contextos e situacións tan dispares”, explica Maquieira. 

 ‘Ternura’, a obra premiada de Blanca Nieves Lourés (Vigo, 1994), é unha obra pictórica que se caracteriza polo movemento xerado a través da xustaposición de tiras de cor provenientes de cortar lenzos antigos, pintados pola artista en épocas de aprendizaxe. Carece de bastidor polo que o movemento da cor e as paisaxes e figuras que se adiviñan vese incrementado polos pregues e movemento da tea ao ser pendurada directamente sobre a parede.  

 Coa bolsa artística, Lourés manifesta a súa intención de investigar a pintura en diferentes formas, no ámbito tridimensional e espacial a través de diferentes técnicas como pode ser o tecido. Pretende experimentar e “repensar o cadro, o lenzo e o bastidor e traballar na pintura contemporánea dende a man, o artesanal e o procesual”. 

 Finalmente, a obra de videocreación de Lois Búa (Muxía, 1996) ‘Synth-BIOs –sobreinformación-’ forma parte dun proxecto composto por cinco capítulos nos que se reflexiona sobre a división entre o natural e o artificial, no que Búa se pregunta porque se o ser humano forma parte do natural as súas accións son consideradas artificio. “Deixemos de negarnos, a tecnoloxía é natureza. Non nos distanciemos, comecemos a entendela”, apunta. Así mesmo, e en concreto sorbe a peza ‘sobreinformación’, o autor aborda o tema do procesado de datos por parte das persoas e establece unha analoxía coa auga: “Non é o mesmo beber un litro de auga ao día que beber máis de sete, xa que o organismo non pode dixerilo. Coa información que circula pola rede sucede algo semellante: novas, estados, datos e imaxes sucédense inundando os nosos ollos”. 

 A súa intención é destinar a bolsa da Deputación a rematar o seu traballo de fin de grao: unha serie de vídeos reflexivos correspondentes coas letras do alfabeto galego, creados a partir da colaboración e interacción con outras persoas.  

Xosé Leal, deputado de Cultura - a esquerda da imaxe - xunto dos demáis membros do xurado

 A concesión das catro bolsas de Novos Valores 2018 será obxecto dun convenio entre os adxudicatarios e a Deputación, no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada. Como recoñecemento ao traballo, a institución provincial comprométese como culminación do certame a programar nas instalacións do Museo unha exposición con obras das catro persoas premiadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario