A CIG mobilizarase en Citroën contra os atrancos en materia de conciliación laboral e familiar
A central sindical denunciou no Xulgado o acordo que afecta especialmente ás mulleres xa que limita a redución da xornada
A responsábel do sector da automoción da CIG-Industria de Vigo, María Xosé García, e a técnica de Igualdade da central, Ester Mariño
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG desenvolverá unha concentración este mércores 11 diante de Citroën en Vigo ás 13:30 horas para rexeitar os atrancos da empresa á hora de conciliar a vida laboral e familiar. Esta mobilización fai parte da campaña que vén de poñer en marcha a Secretaría das Mulleres para denunciar a discriminación que padecen as mulleres nos centros de traballo e terá lugar días antes de que se celebre o xuízo pola demanda de conflito colectivo presentado pola central contra o acordo entre a compañía de automoción e os sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT que limita a posibilidade de acollerse á redución de xornada, problemática que afecta especialmente ás traballadoras.
Segundo explicaron en rolda de prensa a responsábel do sector da automoción da CIG-Industria de Vigo, María Xosé García, e a técnica de Igualdade da central, Ester Mariño, a protesta ten lugar no marco da campaña nacional da Secretaría das Mulleres para visibilizar a combater a discriminación das traballadoras, optándose nesta primeira fase por poñer o acento sobre a conciliación laboral e familiar, e en particular no dereito á redución de xornada, unha cuestión que afecta maioritariamente ás mulleres, xa que arredor do 95% dos traballadoras/es que deciden acurtar o seu tempo de traballo para o coidado de persoas dependentes (fillos/as, maiores, discapacitados/as ou enfermos/as) son mulleres.
O feito de terse escollido Citroën en concreto para iniciar a campaña cunha mobilización diante das súas instalacións en Vigo responde ao “acordo aberrante” asinado no seu día por unha empresa "destas dimensións" e polos sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT que limita o goce deste dereito por parte do cadro de persoal, xa que impide que as beneficiarias/os poidan escoller a porcentaxe que desexan reducir, “impóndoselles ou ben a redución da metade da súa xornada ou ben do 25%”. Ademais, pasan a un sistema de rotación de quendas de duración anual con horarios establecidos pola empresa.
“Isto supón que es trasladada/o para a quenda de noite cunha bolsa de horas complementarias, polo que sabes a que hora estras pero non cando saes”. Ao mesmo tempo, vinculan a redución de xornada á existencia doutra persoa que complemente as horas que se reducen. Outro aspecto do acordo que atenta contra a conciliación ten que ver con que o persoal que escolle reducir a xornada vese obrigado a facelo en maior medida no horario escolar.
A mobilización fai parte da campaña da Secretaría das Mulleres para denunciar a discriminación nos centros de traballo
E o que é aínda máis grave: na última revisión do acordo incluíron as casos de violencia de xénero establecendo unicamente a <> de reducir a xornada, cando se trata dun dereito establecido na propia lei. “Parécenos inconcibíbel que haxa sindicatos que se presten a avalar este tipo de acordos”, lamentaron.
Por todo isto, a central optou por presentar unha demanda de conflito colectivo contra a empresa e os sindicatos “colaboradores necesarios” ao entender que con este tipo de acordos as compañías limitan o dereito á redución de xornada. O xuízo derivado desta denuncia dirimirase no xuízo que se celebrará este luns 16 nos Xulgados de Vigo a partir das 12:00 horas.
“Molesta que as persoas concilien”
Tal e como sinalaron García e Mariño, ás empresas “moléstalles que as persoas poidan conciliar a súa vida laboral e familiar, polo que fan todo o posíbel por poñer atrancos a este dereito”. De feito, a pesar de atoparse recollido no propio Estatuto dos Traballadores/as, “ten que ser logo na negociación colectiva cando se materializa”.
Neste senso, censuraron que é moi habitual que as traballadores/as se atopen con moitos problemas á hora de gozar deste dereito.
En concreto, citaron casos como os de Pescanova na Coruña (acordo que a CIG tamén levou ao Xulgado e que está pendente de xuízo), Froiz (con prácticas que limitan este dereito) ou o grupo Inditex (que o denega por sistema, “xa que non poden asumir que as persoas escollan o seu horario”).
Con todo, indicaron que a situación é aínda moito peor nas empresas de menos de 250 traballadoras/es, “xa que non están obrigadas por lei a ter un comité de igualdade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario