16 EMPRESAS PUXAN POR FACER AS OBRAS DA ESTRADA PROVINCIAL DE BAREDO QUE MELLORARÁN O CAMIÑO A SANTIAGO AO SEU PASO POR BAIONA
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que a nova senda peonil suporá “un antes e un despois” para a veciñanza e os peregrinos que transitan pola zona
As obras da estrada provincial de Baredo no Concello de Baiona que permitirán unha mellora do Camiño de Santiago pola Costa
Foto: D. P.
Infogauda / Baiona
A Deputación de Pontevedra vén de recibir 16 ofertas de empresas interesadas en realizar as obras da estrada provincial de Baredo no Concello de Baiona que permitirán unha mellora do Camiño de Santiago pola Costa. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, responsable do proxecto, manifestou que a actuación suporá “un antes e un despois” para a comunicación da veciñanza da zona e tamén para os peregrinos que pasan pola vía, xa que se construirá unha nova senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo totalmente accesible que garantirá a seguranza viaria para os peóns.
Logo de ter recibidas as ofertas para a obra, os servizos técnicos da Deputación terán que analizar nos vindeiros días a documentación presentada polas construtoras e facer unha proposta de adxudicación. Entre as cuestións que se van estudar está o programa e equipo de traballo para a obra (18 puntos), o plan de control de calidade (5 puntos), a memoria de traballo (18 puntos), e o plan de actuación ambientais (8 puntos). As empresas que acaden un mínimo de valoración pasarán á seguinte criba, a valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 51 puntos.
Unha vez escollida a adxudicataria, deberá ser aprobada en Xunta de Goberno e a partir de aí formalizarase o contrato e presentarase a acta de replantexamento da obra. O prazo de execución está fixado en seis meses logo do inicio dos traballos que, se non se producen complicacións, poderían comezar a finais do verán. A obra realizarase grazas ao investimento do departamento de Mobilidade provincial en convenio co Concello de Baiona, que financiarán ao 80%-20% o importe de 381.022,32 euros respectivamente.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, as estradas provinciaisEP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago e onde se fará a actuación da Deputación teñen nestes momentos características únicamente axeitadas para a circulación de vehículos, facendo que as persoas teñan que correr riscos ao transitar pola zona.
Por este motivo construirase a senda, limitarase a velocidade dos coches a 30 quilómetros hora, e instalaranse redutores físicos de velocidade de vehículos para calmar o tráfico de xeito efectivo. Por último, construirase un miradoiro no lugar de Monte Alto, onde se habilitarán unsbancos para poder gozar da paisaxe nunha cota de 100 metros sobre o mar con vistas á badía e á cara sur das Illas Cíes.
Segundo lembrou o nacionalista, levar adiante o anteproxecto elaborado pola Deputación foi moi laborioso e prolongado no tempo, xa que nun primeiro momento foi paralizado pola Dirección Xeral de Patrimonio e foi preciso modificar o deseño en varias ocasións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario