PIRAGÜISMO
MANU OCHOA E LUÍS FERNÁNDEZ, DOUS TEIXUGOS NO MUNDIAL SUB-23 EN IVREA
Informa (fotografías e Redacción: Rosa Fernández Carrera
Do 17 ao 22 de xullo celebráronse na canle italiana de Ivrea os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23. Nesta competición participan os mellores piragüistas do mundo das categorías júnior e sub-23 ou atletas sénior de 19 a 23 anos, sendo a competición máis importante do calendario internacional.
Piragüistas galegos co adestrador David Pérez
Ano a ano, máis deportistas galegos superan os selectivos nacionais, dando fe do bo momento que atravesa o noso slálom. Cinco foron os galegos seleccionados para Ivrea: Lorena Costa do Piragüismo Dumbría en k1 júnior, Daniel Pérez do Penedo en C1 júnior, Ainhoa Lameiro en C1 e K1 júnior, tamén do Penedo de Caldelas e Luís Fernández en C1 sub-23 e Manu Ochoa en K1 sub-23 do Club Deportivo Miño-Teixugos.
Luís Fernández non tivo moita sorte nesta ocasión. Na mañá do 18 fixo a súa primeira baixada nas clasificatorias para semifinais de C1 sub-23, quedando vixésimo segundo, a apenas dous postos de semifinais, na segunda manga, tivo peor baixada, e por mor de 6 segundos de penalizacións por toques, quedou fóra. Na clasificación final do Campionato rematou trixésimo oitavo.
No día anterior, Luís participou na modalidade de equipos, xunto co catalá Jordi Tebe e o segoviano David LLorente, tampouco a sorte acompañou, pois David sufriu unha rotura de pa na metade do percorrido que os descualificou. Na mañá do venres rematou a súa experiencia mundialista na modalidade de C2, na que acompañado de Clara González, rematou décimo; nesta modalidade, os seus compañeiros de equipo, David Llorente e Miren Lazkano, acadaron a medalla de ouro.
Pola súa parte, Manuel Ochoa, no seu primeiro ano como sub-23, tivo mellor sorte. O mércores fixo unha moi boa primeira baixada nas clasificatorias de k1 sub-23 que o meteron directamente en semifinais. A primeira hora do domingo, xa en semifinais, fixo unha baixada impecable, sen penalizacións, pero non entra en finais, quedando a oito centésimas de segundo de logralo. Na clasificación final rematou en undécima posición, un posto máis que destacable para o primeiro galego que logra formar parte do equipo nacional de K1.
Na modalidade de equipos, tamén chamada patrullas, xunto con Unai Nabaskues e David LLorente, fixeron un percorrido correcto, con só unha penalización de 2 segundos por un toque, pero algo lenta, que os deixou na sétima posición.
En canto aos demais representantes galegos, Lorena quedou nas clasificatorias, rematando cuadraxésimo cuarta, Daniel pasou a semifinais finalizando vixésimo e Ainhoa, que participou tanto en caiac como en canoa, facendo semifinais nos dous, rematou vixésima e vixésimo oitava, respectivamente. Destacar a medalla de bronce acadada por Ainhoa, en C2, formando equipo con Pau Echaniz.
Os trazados dos circuítos foron de gran dificultade, o que deixou fóra a moitos dos favoritos, porque un fallo nestes niveis págase moi caro. Nas categorías individuais a única medalla española foi para Miquel Travé que acadou o primeiro posto en C1 Júnior, o palmarés español completouse con outro ouro para o equipo español de C1 feminino sub-23, o ouro de C2 mixto sub-23 e o bronce para C2 mixto júnior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario