ELSA PENA VICENTE, DE A GUARDA, CAMPIOA DE ESPAÑA DE TRIATLÓN E ACUATLÓN INDIVIDUAL
Elsa Pena Vicente
Informa (fotografías e redacción): Alberto Pena Lomba
Novamente, impresionante actuación dos cadetes galegos, que están adestrando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) e Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse o sabado en Banyoles campións de España de Tríatlon na categoría cadete, pero non estiveron sos no podio. Tamén lograron medalla Jorge González (Natación Riveira) e Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial), que foron bronce.
As rapazas, espectaculares unha vez máis. Henar Cons saíu da auga na primeira posición e por detrás Natalia Castro e Elsa Pena, bastante ben colocadas, mentres que Carla Guisande quedou un pouco máis descolgada. Elsa e Henar saíron na bici xuntas e chegaron a transición igual, pero Elsa estivo moi forte na carreira e xestionando moi ben para chegar con ventaxa suficiente a meta. Por detrás, Carla foi remontando posicións ata acadar esa medalla de bronce. Ademais, Henar Cons (Motobike Galaico Pontevedra) foi cuarta e Natalia Castro (Motobike), oitava. Por clubs, na categoría feminina, triunfo para o Cidade de Lugo Fluvial e bronce para o Motobike Galaico Pontevedra. Se boa foi a xornada do sábado no Campionato de España de Tríatlon na distancia sprint, non desmereceu en nada a do domingo, coa celebración do Campionato de España de Acuatlon. As e os deportistas galegos volveron subir ao podio en todas as categorías, amosando o seu gran momento.
Cadete. Sen dúbida algunha as e os galegos arrasaron nesta categoría durante toda a fin de semana. Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o dobrete, ao vencer tamén o domingo no Campionato de España de Acuatlón cunha moi boa remontada a pe. Ademais, Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) volveu acadar o bronce, igual que o sábado, correndo moi forte e remontando. E o resto das galegas tamén estiveron a un nivel excepcional: Henar Diana Cons (Motobike Galaico Pontevedra), que foi a máis rápida na auga, foi quinta e Natalia Castro (Motobike Galaico Pontevedra), sexta. Tamén hai que destacar a magnífica proba de Martina Cons (Galaico) que saíu na saída B e fixo a proba en solitario e estivo impresionante para finalizar na 13ª posición de xeral.
Na clasificación de clubs cadetes femininos, triunfo do Cidade de Lugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario