A celebración, que terá lugar os días 27 e 28 de xullo, xurdiu tras o descubrimento dun posible asentamento viquingo no municipìo
O CONCELLO LUCENSE DO VICEDO PRESENTOU NA DELEGACIÓN DA XUNTA/CASA DE GALICIA EN MADRID A CELEBRACIÓN DA “ROMAXE VIQUINGA 2018”
Actuación de Andrea Pousa e Bruxo Queiman, na Casa de de Galicia, en Madrid
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
O Concello lucense do Vicedo presentou hoxe na Delegación
da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a celebración da “Romaxe Viquinga 2018”, que
terá lugar os días 27 e 28 de xullo e que xurdiu tras o descubrimento dun
posible asentamento viquingo no municipio. Na presentación interviñeron o
alcalde-presidente do municipio, José Jesús Novo Martínez, o delegado
territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, o dúo
artístico Queiman e Pousa, en representación da parte artística do evento, o
senador José Manuel Barreiro e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa
de Galicia, José Ramón Ónega.
Na mesa presidencial, José Manuel Balseiro, José Jesús Novo, José Ramón Ónega, Andrea Pousa e Bruxo Queiman
No acto
presentouse a programación desta terceira edición da romaría, proxectouse un
vídeo promocional con imaxes da pasada edición e Queiman e Pousa actuaron en
directo con varias cancións do seu espectáculo nas que brillou a bela voz de
Andrea Pousa. Entre o numeroso público que acudiu achábase o humorista e
presidente da Asociación do Humorismo Español Toni Antonio o senador José
Manuel Barreiro, lucense, que foi convidado a sumarse á
presentación e expresou o seu apoio á Romaxe Viquinga do Vicedo.
Ónega resaltou
que coa presentación recibimos na Casa “un eco do que fomos”. “O Vicedo súmase
á serie de lugares que descubriron o seu pasado ou están a descubrir a gloria
do que foron”, observou, lembrando que é, ademais, “un paraíso” do que el
persoalmente gozou na súa mocidade, cando no verán visitaba ao cura párroco do
municipio, don Luciano, o seu primo, e tiña ocasión de bañarse nas augas do río
Sor. “Non é milagre que os viquingos arribasen a este paraíso e aquí asentasen
dominio señorial”, valorou.
Vista parcial do público que asistiu á presentación da Romaxe Viquinga
Novo Martínez
explicou que “a Romaxe Viquinga nace por mor dunhas escavacións arqueolóxicas
coas que se tenta demostrar que no municipio houbo un asentamento viquingo onde
se reagrupaban para seguir navegando cara ao sur da Península”. “Nesta Romaxe
téntase en certa medida reproducir o estilo de vida cotián dunha mota viquinga,
con artesanía, vestimenta, armas, etc. Para iso, ademais dos espectáculos
durante todo o día, organízanse talleres que nos achegan aínda máis ao estilo
de vida desa época”, sinalou o alcalde do Vicedo.
Balseiro Orol
resaltou que O Vicedo -1.600 habitantes- “asumiu como un reto colectivo, de
todos os veciños e veciñas, consolidar esta cita como unha das principais
propostas lúdico-culturais da Mariña. En tan só tres edicións, conseguiu
ilusionar a todo un pobo e atraer o interese de visitantes de toda Galicia”. Un
entusiasmo que, dixo, tróuxolles “a presentala en Madrid, na casa de todos os
galegos e de todos os que aman a Galicia e á a súa cultura”. A acollida do
público nas dúas edicións anteriores superou as expectativas, con preto de
3.000 e 5.000 persoas, converténdose nun éxito de asistencia e participación.
Segundo o
delegado territorial da Xunta en Lugo, “a romaría é un convite ao goce, á
recreación, á representación; a completar a historia imaxinando como puido ser
o lugar dous Moutillós que habitaron os antigos castrexos e que se atoparían os
viquingos, as naves dos pobos estranxeiros que chegaron á costa de San Román,
quizá en busca de tesouros, quizá de novas terras ou dun asentamento temporal
antes de continuar a travesía”. Unha recreación que “se converte nunha escusa
para descubrir os verdadeiros tesouros do Vicedo: as súas praias, as súas
paisaxes, as súas xentes. E tamén nunha escusa para indagar e seguir buscando
as raíces deste pobo”. Finalmente convidou a quen “poida achegarse a Galicia a
que non se perdan esta romaría, un espectáculo singular nunha contorna única,
que fará que sentan transportados no tempo e no espazo”.
Bruxo Queiman e
Andrea Pousa destacaron que “as principais novidades desta terceira edición son
a concentración nun mesmo lugar dos campamentos viquingos e cristiáns con
artesáns, talleres e actividades e que haberá un intercambio cultural entre
Galicia e Irlanda no que a asociación Lake Vikings de Dublín enviará a varios
dos seus integrantes ata terras do Vicedo para enriquecer o compoñente cultural
da festa, ademais participarán no desembarco viquingo”. “Tamén se incorporan ás
actividades desta edición un enterramento e unha voda viquinga, un gran torneo
cristián, espectáculos de lume e música e un desfile de traxes viquingos. Este
ano vai ser unha celebración espectacular, con moita forza, pero sen
esquecernos do importante, a zona do asentamento de Moutillós, xa que un pobo
sen pasado non ten futuro”, engadiron.
Estrutura da
celebración
A “Romaxe
Viquinga” terá á praia de Area Grande (San Román) como principal escenario. A
tarde do venres 27 celébrase na Casa da Cultura o pregón que supón o
pistoletazo de saída da festa, a cargo do actor Antonio Durán “Morris”. Tras
el, haberá unha serie de charlas sobre o asentamento de Os Moutillós, os
costumes viquingos e as novidades nas prospeccións arqueolóxicas. Para
finalizar, proponse un evento gastronómico relacionado coa Romaxe (ruta de
tapas ou similar) acompañado polo despregamento de pasacalles, exhibicións e
actividades recreativas das agrupacións viquingas que acoden á celebración
desde diferentes puntos de Galicia e España.
O sábado, xa na
praia de Area Grande, a media mañá producirase o "desembarco
viquingo", recreación na que participa unha pequena embarcación normanda
que trae a Olaf Haraldsson I sucando as augas ata chegar a Os Castelos
para conquistar estas terras, o que non será un obxectivo fácil pois a
poboación castrexa opoñerá resistencia. Este espectáculo está acompañado por
actuacións musicais teatralizadas a cargo de grupos como Queiman e Pousa.
Paralelamente e
desde primeira hora da mañá funcionará un campamento viquingo onde se recrearán
oficios e costumes da época coa colaboración de asociacións de recreación
histórica da época viquinga de Galicia e do resto de España. Teares de
Nalbinding, elaboración de runas nórdicas, traballos en madeira e coiro,
pintacaras para guerreiros viquingos, forxa de armas e ferramentas e diferentes
propostas gastronómicas, entre outras actividades, pretenden recrear o estilo
de vida e o día a día dun asentamento como Os Moutillós. O público tamén pode
gozar de combates, xustas e charlas explicativas sobre costumes e usos
viquingos ata a caída do sol, momento no que un espectáculo de música, lume e
luz poñerá o broche á celebración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario