3 de xul. de 2018

A GUARDA

Nova edición das visitas teatralizadas polo centro histórico da vila e barrio de pescadores 

· Desde este xoves día 5 de xullo, ás 21:00 h., na Praza do Reló, veciños e visitantes rememorarán as iniciativas guardesas de 1918

Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous personaxes influintes da Guarda de 1918
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda fai público que este xoves día 5 de xullo, comeza na vila a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente os xoves ás 21:00 horas durante todo o verán ata o 30 de agosto, agás os xoves 19 de xullo e 9 de agosto. 

 Baixo o concepto “De alén do mar para A Guarda” e enmarcado nas conmemoracións do I Centenario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán toman coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, obra do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez. 

 Esta actividade pretende amosar a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado. As visitas realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorrerán o centro histórico, comezando ás 21:00 horas, na Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda. 

 Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous personaxes influintes da Guarda de 1918. Nese momento, coincidindo coa toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, actual edificio que alberga hoxe en día as instalacións do Centro Cultural, na rúa Rosalía de Castro da vila guardesa. 

 A través deste fío condutor, a compañía fai unha intensa labor de contar como foi o proceso da creación desta xunta organizadora en Puerto Rico. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais, que variarán cada xoves. 

 Todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que promete ser participativa. É por iso que dende o Concello da Guarda esperamos que guste tanto á poboación local como ós visitantes que se achegan nesta época.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario