27 de xul. de 2018

A GUARDA

PESCA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na inauguración das V Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores 

A Xunta de Galicia defende a responsabilidade e sustentabilidade da frota galega de palangre de superficie 

Rosa Quintana recoñeceu o traballo de colaboración deste sector co campo científico para contribuír á obtención de mellores resultados cos datos que compila na súa actividade


Ante a prohibición na Unión Europea do corte de aletas de quenlla a bordo dos buques, Galicia defende a igualdade de condicións entre países para manter a competitividade da súa frota   

Infogauda / A Guarda

 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe na Guarda a responsabilidade e a sustentabilidade da frota española de palangre de superficie e en particular da galega. Un sector, subliñou, que se mantén en estreita colaboración co campo científico para contribuír á obtención de mellores resultados cos datos que compila na súa actividade.  

 Así o destacou durante a inauguración das V Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores, onde tamén subliñou que “esta colaboración, da que non gozan outros países, resulta sumamente relevante para que os científicos poidan realizar as súas avaliacións con éxito”. Non obstante, expuxo que o camiño da investigación aplicada é lento e apelou a “seguir traballando confiando nun futuro que se axuste a unha realidade na que pesqueira, responsabilidade e sustentabilidade vaian da man”.  

 A conselleira fixo fincapé na necesidade deste traballo para facer valer esta actividade responsable da frota española ante a prohibición na Unión Europea do corte de aletas de quenlla a bordo dos buques (finning). Unha frota, incidiu, que cumpre co marco normativo europeo, español e das Organizacións Rexionais de Pesca relacionado con esta actividade. Ademais expuxo que no último ano capturou máis de 55.000 toneladas de quenlla, o que reflicte o peso desta especie na sustentabilidade socioeconómica desta pesqueira, subliñou. 

 Neste sentido, defendeu a importancia de contar coa igualdade de condicións entre países para manter a competitividade da frota galega e lembrou que en Galicia “compartimos a prohibición da práctica, pero non entendemos que non se estenda ás frotas que operan mundialmente, pois, do contrario, isto resta competitividade á nosa frota”.   

 Nesta liña, a titular de Mar explicou que a sustentabilidade das prácticas da frota española de palangre de superficie “non se estende a barcos que faenan baixo outras bandeiras e que, co seu mal facer, provocaron que esta actividade sufra un trato indiscriminado”. Un trato, engadiu, que supón que baixo o concepto quenlla se inclúa a todo ser vivo pertencente ao grupo dos escualos, sen ter presentes as súas características biolóxicas e as do estado dos recursos.  

 En relación ás empresas de transporte que se negan a transportar quenlla, a conselleira fixo fincapé en que a comercialización deste produto é legal e que a súa procedencia é sustentable. Engadiu ademais que o obxectivo da Xunta é seguir traballando para que o Goberno central inste ás empresas de transporte a reconsiderar a situación e que se poida transportar este produto coas mesmas condicións e limitacións que calquera outro.  

 Neste sentido, a conselleira definiu as Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores como unha boa iniciativa para dar a coñecer a realidade da pesqueira da frota de palangre de superficie.  

As xornadas  

 Esta quinta edición das Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores da Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) estará centrada na pesqueira de quenllas e servirán de foro para que as empresas armadoras coñezan os resultados do programa de observadores que se está levando a cabo na frota palangreira e a importancia de que se desenvolva eficazmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario