A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda chega esta fin de semana a súa XXVIII edición
Infogauda / A Guarda
O municipio da Guarda acolle dende este venres día
6 de xullo a XXVIII edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, Festa
de Interese Turístico de Galicia. Este evento gastronómico que conta cunha gran
traxectoria ofertará un total de 24 pratos da cociña mariñeira ademais de
sobremesas, acompañados dos viños da Subzona do Rosal da D.O. Rías Baixas.
Esta recoñecida festa ofrece a langosta a
25 €, e unha ampla representación dos produtos do mar de Galicia: percebes, nécoras, calamares, chipiróns, navallas, langostinos, mexilóns,
vieiras, polbo… con prezos populares que van dende os 4 ata os 13€. Unha boa
oportunidade para degustar a ampla oferta de produtos do mar de Galicia.
Coma non podería ser doutra maneira, un bo xantar
ou cea debe acompañarse cuns bos viños e unha boa sobremesa, para elo contamos
cos viños Albariño Gran Novás e Rosal Señorío da Torre, ámbolos dous da Subzona
do Rosal da D.O. Rías Baixas. Na sobremesa a Rosca de Xema, postre
típico da Guarda será o protagonista, xunto con outros doces como a Tarta Santa
Trega, atalaias doces, filloas,...
Programación
variada e para todas as idades
Nancho Novo,recoñecido actor, humorista e cantante galego
Venres
6 de xullo:
A XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira
terá inicio o venres 6 de xuño co acto de lectura do pregón na Praza do Reló ás
21:00 horas, que nesta edición recae no recoñecido actor, humorista e cantante
galego Nancho Novo. Intervirán tamén o Alcalde da Guarda e representantes da
Deputación de Pontevedra.
Ás 22:00 horas as autoridades, convidados, veciños e
visitantes trasladaranse ata o Porto para a apertura oficial da carpa e o
inicio desta XXVIII edición. Esa mesma noite ás 22:30 horas Nancho Novo fará unha
actuación na carpa do Porto, presentando o seu espectáculo “El Cavernícola”, obra que trata sobre o modo no que se relacionan os
homes e mulleres, unha versión da mítica obra de Broadway que leva máis de 1.200
funcións con grande éxito no Teatro de Madrid.
E xa para rematar esta primeira xornada sobre
as 23:30 horas terá lugar un serán mariñeiro no que participarán varios grupos
tradicionais da Guarda e a súa contorna.
Sábado
7 de xullo:
Na xornada do sábado 7 de xullo, a xornada terá
inicio ás 10:00 horas cun pasarrúas a cargo do grupo tradicional A
Boalleira, que voltará a actuar ás 11:00 horas na apertura da carpa para esta
xornada no porto da Guarda.
Ás 12:00 horas celébrase a XXIII edición da Travesía a
Nado do Porto da Guarda, un evento que congrega a máis dun cento de nadadores e
que competirán en 12 categorías diferentes.
A entrega de premios realizarase a
partires das 13:00 horas.
Ás 13:00 horas o Grupo de pop-rock Acevedos Delgados
fará unha actuación musical para amenizar o inicio do xantar na carpa do porto,
onde se prevee unha gran acollida de comensais ao igual que en pasadas
edicións. Xa pola tarde os máis pequenos
terán a oportunidade de gozar coas instalacións de inchables acuáticos, para os
que recomendamos traer bañador e toalla, o seu horario será de 17:00 a 20:00 horas.
Ás 19:30 horas terá lugar un espectáculo de maxia a
cargo de Valeria Varitas.
Ás 21:00 horas
na carpa do Porto o cómico e monologuista Oswaldo Digon realizará unha
actuación baseada nas experiencias do día a día, historias que ten escoitado e
que a cotío suceden a maioría de nós.
A actuación de MITIC está programada para ás 23:00 horas do sábado 7 de xullo no Porto da Guarda, cun potente
espectáculo musical onde a gaita é a protagonista acompañada doutros
instrumentos de vento, corda e percusión. Máis de 15 músicos ofrecerán un
concerto no exterior da carpa cunha proposta diferente onde reinventan aos
clásicos do rock e do pop con versións de AC/DC, Cómplices,...
Domingo
8 de xullo:
A xornada do domingo 8 de xullo terá inicio ás
10:00 horas co pasarrúas a cargo do grupo tradicional A Boalleira, que
voltará a actuar tamén ás 11:00 horas na apertura da carpa para esta xornada no
porto da Guarda.
Acevedos Delgados
Ás 12:00 horas o Grupo de pop-rock Acevedos Delgados
fará unha actuación musical para amenizar o inicio do xantar na carpa do porto,
e tamén a esa mesma hora terá inicio o obradoiro infantil de Mini-chef, onde os
máis pequenos poderán participar na creacións e pratos e traballar na cociña.
Ás 13:00 horas o cómico Roi Borrallas ofrecerá un
espectáculo de cómico para a mocidade e adultos, unha velada de maxia e
diversión amenizando o xantar aos asistentes contando coa súa complicidade,
seguido dunha segunda actuación de Acevedos Delgados ás 13:45 horas.
Xa pola tarde entre as 17 e 20:00 horas os máis
pequenos terán novamente a oportunidade de gozar coas instalacións de inchables
acuáticos, non esquezades o bañador e a toalla.
Ás 19:00 horas Peter Punk e Brais das Hortas
realizarán un concerto de Punkinfantil.
Celina da Piedade, recoñecida artista portuguesa
Como peche da festa, a partires das 20:30 horas terá
lugar a Noite de Fados, coa actuación estelar de Celina da Piedade, recoñecida
artista portuguesa que ofrecerá unha viaxe pola música tradicional portuguesa
co seu acordeón.
Durante toda a fin de semana A Guarda ofrecerá
visitas guiadas á Rede de Museos, formada polo Museo do Mar, a Fortaleza de Santa
Cruz e o Monte de Santa Trega.
Tamén haberá unha gran feira de artesanía e disporase dunha pantalla xigante para o seguimento dos partidos do Mundial de
Fútbol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario