Segunda visita teatralizada no casco histórico da Guarda
· Este xoves día 12 de xullo, ás 21:00 horas, desde á Praza do Reló
Actores e público participante na primeira das visitas teatralizadas deste verán
Foto: C. A.G.
Infogauda / A Guarda
Este xoves día 12 de xullo, o Concello de A Guarda oferta a segunda cita da programación de visitas teatralizadas que se repite semanalmente os xoves ás 21:00 horas durante todo o verán ata o 30 de agosto, agás os xoves 19 de xullo e 9 de agosto.
Tralo éxito da primeira sesión, dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía e aos visitantes, a que aproveiten esta oportunidade para coñecer un pouco da historia da nosa vila, dun xeito moi divertido e ameno.
Baixo o lema “De alén mar para A Guarda” e enmarcado nas conmemoracións do I Centenario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán toman coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, da autoría do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez.
Esta actividade amosa á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado, involucrando aos participantes e facéndoos partícipes neste espectáculo.
As visitas, realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorren o centro histórico, comezando ás 21:00 horas na Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda, onde a primeira visita desta edición, rematou cunha actuación do grupo de pandereteiras Tremelique.
Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, dan vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918, ano no que tivo lugar a toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, actual edificio que alberga hoxe en día as instalacións do Centro Cultural na Rúa Rosalía de Castro do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario