23 de xul. de 2018

A GUARDA

«Noites no Castelo»

Ardentía e Milladoiro amenizaron unha fermosa noite do verán guardés

Ardentía
Milladoiro
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado sábado día 21 de xullo a Fortaleza de Santa Cruz acolleu a cuarta edición de «Noites no Castelo», un festival organizado dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda e que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra.  

 Nesta edición contouse coas actuacións dos recoñecidos grupos de música folk Ardentía e Milladoiro, nunha grata noite de verán, na que segundo informan desde o executivo municipal do Concello de A Guarda, acudiron máis de 3.000 persoas para gozar da boa música feita en Galicia nun entorno único como é a Fortaleza de Santa Cruz, declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

 O grupo Ardentía foi o encargado de abrir esta edición de «Noites no Castelo», cunha posta en escea na que os músicos involucraron ao público asistente dende o comezo da súa actuación con música tradicional galega que incorpora instrumentos que non adoitaban estar presentes nas formacións de música folk galega coma o birimbau, o clarinete ou a requinta. Moitos dos asistentes aproveitaron para bailar ao son de Ardentía.  

 E arredor das 23:50 horas, un dos grupos máis importantes de Galicia - Milladoiro -, fixo a súa aparición sobre o escenario de «Noites no Castelo». 

 No decurso da actuación de Milladoiro, Xosé V. Ferreirós (gaita, oboe,...), un dos membros fundadores do grupo, salientou o vencello que teñen co pobo de A Guarda, onde Ramón García Rei (caixa, percusión,...), de Catoira, ten parentesco con familias de Camposancos, razón pola cal na súa estadía na nosa vila, recibiron os saúdos de moitas persoas. Esa afirmación, da que xa algúns guardeses xa tiñamos coñecemento, foi acollida con fortes aplausos do respectable público.

  Cunha traxectoria de máis de 35 anos, rememorou as mellores cancións dos seus 20 traballos discográficos e as novidades de “Atlántico” o seu recente disco, editado este mesmo ano e do que tocaron varias pezas, pondo o broche final a esta nova edición.

 Deste xeito, o Festival «Noites no Castelo» consolídase xa coma unha cita musical ineludible do calendario de verán do Concello da Guarda, habendo pasado polo seu escenario grupos coma a Banda Crebinsky, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a cantante Mercedes Peón, a gaiteira Susana Seivane ou o grupo folk A Roda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario