A voz de Uxía reivindica na Guarda a loita pola igualdade
Dentro do proxecto “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, da Deputación de Pontevedra
Montserrat Magallanes, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, asistiron á décimo sétima intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Montserrat Magallanes, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, asistiron á décimo sétima intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que se celebrou o pasado xoves, na Praza do Reló. Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra ten por obxectivo darlle visibilidade ás violencias machistas, así como dar a coñecer a novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.
A deputada provincial de Emprego Montserrat Magallanes Álvarez manifestou que “estamos fartas da desigualdade, da violencia e da discriminación das mulleres”. Asemade, a deputada quixo resaltar “nun acto tan fermoso coma este que estamos fartas. Fartas da desigualdade, da violencia e da discriminación contra as mulleres”.
Pola súa parte, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, agradeceu “á Deputación que impulse actos coma este que son, sen dúbida, un bonito canto á igualdade”.
Máis de 150 persoas acudiron a Praza do Reló, onde a artista interpretou cinco cancións de enxalzamento da muller e de empoderamento feminino.
A cantante Uxía, unha das máximas referentes da poesía e da música galegas, foi a encargada deste nova intervención artística titulada O poder da música, que consistiu na interpretación de cinco cancións nas que se enxalzou a figura feminina e a loita polos dereitos das mulleres. Ao canto cheo de forza da artista uníronse as persoas que asistiron o evento na Praza do Reló que, tanto coa súa voz como con pandeiretas, crearon un ambiente de reivindicación e repulsa contra as violencias machistas.
Uxía, con máis de 30 anos de éxitos ás costas, ten doce álbums no mercado, é impulsora de diversos certames de música e é un dos grandes expoñentes das artes galegas. Con esta nova intervención de “Violencia Zero”, a cantante puxo o foco na música como unha forma de expresión e interacción coa morea de xente que acudiu á súa actuación.
“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en ámbitos como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía ou o graffiti, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición, que comezou en novembro do ano pasado, celébrase en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, O Grove, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e o Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario