23 de xul. de 2018

VIGO

A sala de exposicións da Delegación da Xunta en Vigo acolle “Observación e Nostalxia” da artista asturiana Orosia González 

A exposición, que se desenvolverá ata o vindeiro 20 de agosto, está composta por 25 pezas nas que predominan as paisaxes e os detalles rurais

O delegado Ignacio López-Chaves salientou na inauguración o potencial e a creatividade da pintora, quen se confesou autodidacta e unha apaixonada da pintura 

Infogauda / Vigo

 A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acollerá ata o vindeiro 20 de agosto a exposición “Observación e nostalxia” da artista asturiana, Orosia González. Unha mostra que este mediodía era inaugurada polo delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, quen aproveitou a ocasión para dar a benvida a pintora da que destacou o seu potencial e creatividade.  

 A mostra está composta por 25 pezas nas que predominan as paisaxes e os detalles rurais. Segundo explicou a propia González, pese a que a pintura lle atraeu desde ben moza, non foi ata que se trasladou a Galicia no 2004 cando comeza a pintar e, a partir do 2011, cando rematada a súa etapa laboral, se dedica en corpo e alma a súa paixón. Autodidacta confesa, desde entón tomou parte en numerosos con concursos de pintura e exposicións colectivas cun papel destacado da súa participación.   

 Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.  

 Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario