4 de xul. de 2018

A GUARDA

A Guarda fai un chamamento á concienciación sobre a limpeza pública e a recollida do lixo  


Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda ven de facer un chamamento á cidadanía guardesa para a súa implicación na limpeza dos espazos públicos e a recollida de lixo, en aras de mellorar a imaxe para ter A Guarda máis limpa. 



 Dende o Concello da Guarda recórdase que non se pode depositar lixo, caixas ou envases fora dos contedores, que os restos de explotacións agrícolas, residuos vexetais de limpeza de fincas e xardíns, residuos voluminosos, entullos ou cascallos, deben levarse ao punto limpo. 

 Así mesmo, o lixo que se deposita nos contedores verde (orgánico) e amarelo (envases plásticos), debe depositarse en bolsas de plástico debidamente pechadas, para evitar malos cheiros e manter estes elementos nas mellores condicións. 


 A Guarda é un dos concellos de Galicia cunha maior taxa de reciclaxe. O cumprimento do Regulamento de Limpeza Pública e de Recollida de Lixo é tarefa de todos, establecéndose un horario específico para o depósito do lixo: para residuos orgánicos do contedor verde, o horario é de 21:00h a 23:00h (de abril a setembro) e de 19:00h a 23:00h (de outubro a marzo) e para os residuos de vidro, o depósito dos mesmos realizarase en horario de 8:00h a 22:00h 

 O Punto Limpo da Guarda situase ao carón das instalacións da Piscina Municipal na zona da Sangriña e os veciños e usuarios o poden empregar de luns a venres en horario de 9:00h a 13:00h e os sábados en horario de 10:00h a 12:00h. 

 De igual xeito se pide a colaboración cidadá para informar cando algo está mal, chamando a Policía Local nos teléfonos 986 610 025 e 606 452 655.

Ningún comentario:

Publicar un comentario