21 de xuño de 2018

VIGO

Medra o impacto da folga das TCAE do Cunqueiro de Vigo na segunda xornada de paro 

A falta de persoal obrigou a suspender máis operacións e probas non urxentes

Os efectos do paro deixáronse sentir no centro sanitario, até o punto de que a falta de persoal obrigou a suspender 14 operacións e a pechar as Reas 3 e 4.
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 As consecuencias da folga convocada polas Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para rexeitar a obriga de trasladar as bolsas da roupa sucia van en aumento, xa que a falta de persoal obrigou hoxe a suspender máis intervencións cirúrxicas e probas non urxentes que na primeira xornada de paro.  

 Dende a Xerencia da EOXI intentaron unha vez máis reducir o seguimento da folga por parte das traballadoras/es, rebaixando o 75% no que a cifra a comisión de centro até o 41%. Con todo, os efectos do paro deixáronse sentir no centro sanitario, até o punto de que a falta de persoal obrigou a suspender 14 operacións e a pechar as Reas 3 e 4. Ademais, suspendéronse todas as endoscopias de mañá e de tarde que non eran urxentes. 

 Pola súa banda, a comisión de centro salienta o feito de que a incidencia do paro está a ser máis alta que na xornada anterior e valora moi positivamente o amplo seguimento rexistrado entre as traballadoras/es “por moito que o xerente queira amedrentalas/os con ameazas de sancións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario