6 de xuño de 2018

TUI

A Xunta publicará mañá a orde de axudas para a recuperación das vivendas dos afectados pola explosión de Tui 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego as accións de apoio levadas a cabo ata o día de hoxe, así como tamén reclamou a implicación do resto de administracións 

Ademais das subvencións para a recuperación dos domicilios, habilitaranse tamén outro tipo de axudas, como as destinadas aos menores que quedaron orfos  

Infogauda / Tui

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego que mañá se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que inclúe as axudas destinadas á recuperación da vivenda dos afectados pola explosión de Tui, e que vén a desenvolver o decreto aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada.  

 Na súa intervención, Rueda reafirmou o compromiso do Goberno galego con todas as vítimas, tal e como vén demostrando desde que se tivo coñecemento do suceso. Lembrou, neste sentido, que se habilitou un punto de atención aos afectados, que a Administración autonómica participa no gabinete de crise, e que se publicou un decreto de axudas en tempo récord.  

 A orde que se publicará mañá atende ás necesidades en materia da vivenda, un dos asuntos prioritarios para os veciños de Paramos. Estará dotada cun orzamento total duns 7 millóns de euros, e simplifica ao máximo a tramitación. Ademais, para facilitar a reconstrución, non esixirá o adianto dos cartos.  

 Tal e como se adiantou a semana pasada, habilitaranse subvencións directas de ata 125.000 euros -incluído o enxoval doméstico- para quen perdera por completo a súa vivenda, que poderá reconstruírse no mesmo lugar ou noutro.  

 Tamén se inclúen axudas para a rehabilitación das vivendas que sufriron danos. As achegas poderán acadar o 100% do valor de reparación cando se trate da vivenda habitual e ata o 40% para ocasional. Nestes casos tamén se habilitan ata 3.000 euros para a recuperación do enxoval doméstico. 

 Ademais, haberá axudas ao alugueiro de 450 euros ao mes durante dous anos, para custear o aloxamento provisional das familias que o precisen. A isto sumaranse 600 euros adicionais para gastos de alta de subministros ou fianza. 

 A maiores destas axudas á vivenda, o decreto publicado o pasado venres no Diario Oficial de Galicia habilita tamén as consellerías competentes a subvencionar outros custos. Destacan, entre outros, as axudas aos menores que quedaron orfos tras a traxedia; ou outras en materia de recuperación de negocios ou explotacións agrícolas. 

 O vicepresidente lembrou que, ante unha situación destas características, é preciso o compromiso e o apoio de todas as administracións. Polo tanto, instou aos gobernos central e provincial a que tamén concretaran o seu apoio aos afectados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario