14 de xuño de 2018

PONTEVEDRA

O ESTUDO DA DEPUTACIÓN SOBRE XESTIÓN FORESTAL PERMITIRÁ FACER SIMULACIÓNS DO COMPORTAMENTO DOS LUMES NA PROVINCIA  

· A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera presentaron hoxe os primeiros resultados da investigación dos expertos reunidos pola Universidade de Vigo  

· O traballo será unha “ferramenta potentísima” para coñecer os puntos nodais nos que actuar para frear e mitigar os incendios   

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera xunto ao coordinador do traballo, o profesor da Escola de Enxeñería Forestal Juan Picos, na presentación dos primeiros resultados
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O estudo encargado pola Deputación á Universidade de Vigo sobre xestión forestal permitirá facer simulacións do comportamento dos lumes na provincia de Pontevedra para poder actuar nos puntos nodais e frear ou mitigar os incendios. Así o explicaron  hoxe a presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera xunto ao coordinador do traballo, o profesor da Escola de Enxeñería Forestal Juan Picos, na presentación dos primeiros resultados. 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recordou que despois da vaga de lumes de outubro pasado, que arrasou montes e bosques de varios concellos da provincia, desde a institución provincial formuláronse varios compromisos, desde achegar recursos para que os concellos puidesen dar respostas ás incidencias ocasionadas polo lumes ata a posta en marcha de estudos técnicos para previr estas situacións.   

 Neste contexto, segundo asegurou Silva, “hoxe damos cumprimento a un destes compromisos, presentando o avance do estudio que está a coordinar a Universidade de Vigo en colaboración con persoas expertas de todo o estado e de toda Europa. Un estudo rigoroso que nace da preocupación desta administración fronte á ausencia dunha política forestal do século XXI”.  

 A presidenta provincial amosou a súa satisfacción porque, con estas primeiras achegas do estudo liderado pola Universidade de Vigo, “se inicia un camiño para facer fronte a un dos máis graves problemas da nosa provincia, previr os lumes e promover boas prácticas para tratar os nosos montes”.  

 Pola súa parte, o vicepresidente Mosquera destacou o traballo feito ata o de agora foi introducir nunha cartografía todos os lumes que aconteceron en outubro do ano pasado, vendo como se produciron, a gravidade que tiveron e onde pararon. Con esa información, explicou o nacionalista, preténdese coñecero tipo de vexetación ou zonas que paran os lumes e cales son os puntos nodais nos que se pode actuar para evitar os danos. “É realmente un traballoespectacular que non estaba feito ata o de agora e que, cos medios que hai hoxe é incrible que non estivese feito”, salientou. Engadiu que a investigación aportará un modelo de monitorización e simulación de como se poden comportar os lumes previos e futuros. “É unha ferramenta potentísima para baixar a un territorio concreto, un documento base que vai permitir traballar en cada zona e propoñer solucións”, puntualizou.   

 Mosquera tamén explicou que para completar este traballo xa feitoos planos enviáronse a outros expertos que os analizaron para elixir zonas que visitarán en persoa proximamente. Toda a análise porase en común nun congreso no que se determinarán as recomendacións de actuación finais. “Poderiamos meter presa, pero queremos facelo ben e que este sexa un documento de referencia para o futuro”, finalizou. 

Modestia  

 O profesor Juan Picos, na súa exposición, explicou que a ferramenta máis potente para enfrontarse aos lumes do século XXI “é a modestia”, xa que os incendios “son un problema complexo, nun territorio complexo, dentro dunha dinámica complexa”. Destacou que o ano 2017 foi a nivel global o ano no que maior número de perdas humanas e económicas rexistrado na historiade todo o mundo, con 171 mortos e máis de 18.000 millóns de dólares en danos, o que demostra que o dos lumes é unha “tendencia global polo cambio climático e social”.  

 En concreto, e referíndose a Pontevedra, Picos destacou a necesidade de ter feito unha cartografía do lume co fin de entender que aconteceu nos grandes incendios de outubro de 2017. Explicou que se calcularonse as faixas de protección dos edificios marcadas pola lexislación e a súa eficacia para mitigar os lumes, co resultado de que en moitos sitios non foron eficientes por ser demasiado escasas e noutros foron amplas en exceso. “Hai que buscar unha maneira óptima para solucionar a situación, porque podemos dicir que practicamente toda a provincia debería ser unha faixa de protección”, apuntou.   

 Picos tamén sinalou que a prevención dos lumes no futuro tamén debe ir encamiñada a intentar que fagan o menor dano posible e non só a evitalos. Lembrou que non só é preciso valorar os danos en zonas habitadas, senón que tamén os danos ao patrimonio e aportou o dato de que en 2017 víronse afectados 109 importantes lugares do patrimonio cultural na provincia.  

 Por rematar, Picos subliñou que é preciso traballar en distintas escalas para evitar os lumes, actuando en niveis superiores aos concellos; facer unha planificación estratéxica máis alá do establecemento de faixas, senón identificando puntos estratéxicos de actuación;  e tecnificar ou profesionalizar as actuacións.  

 Tamén destacou que é preciso analizar os resultados de anteriores lumes para entender que se fixo ben e que mal. Engadiu que “os grandes lumes de anos pasados son os pais dos lumes de mañá”, xa que homoxeinizan o territorio e eliminan actividades tradicionais nas áreas queimadas que serían beneficiosas como prevención. “O que fagamos nos lugares incendiados pode derivar no que aconteza noutros incendios”, dixo, polo que instou a coñecer o terreo despois dos lumes porque “é como un libro aberto”.  

 Para finalizar, Picos insistiu na necesidade de dar tamén un enfoque máis amplo á autoprotección da cidadanía no caso de incendios. “A solución non sempre é saír correndo e, ás veces, si confinarse nun lugar seguro. A xente ten que coñecer a dinámica do lume e así axudaría aos servizos de emerxencia”, apuntou.  

 Coñecemento  

 Na presentación dos datos do estudo estiveron, acompañando ao profesor Juan Picos, outros dos moitos investigadores que participan no traballo: as investigadoras JuliaArmesto e Laura Alonso, así como o profesor da Universidade de Lleida e do ‘MásterFuego’, Domingo Molina, e o enxeñeiro de montes do Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya, Eduard Planas.   

 O profesor Domingo Molina quixo tamén engadir que ademais de con modestia, hai que afrontar a investigación dos lumes con máis coñecemento. Instou a poñer sobre a mesa medidas de planificación que vaian máis alá da indicación de faixas de protección marcadas en función a distancias concretas de pistas ou vivendas. “A planificación estratéxica non é un recetario. Iso poderíao facer un graduado en ESO. Temos enxeñeiros para solucionar cada caso en concreto e non pode ser que os responsables de investigar teñan tecnificación medieval, teñen que ter ferramentas do século XXI e demostrar que as leccións están aprendidas cambiando a maneira de facer as cousas”, apuntou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario