Sairán dous autobuses dende Tomiño para apoiar aos nosos rapaces
Os Infantís e os Xuvenís ‘A’ da A.D. Tomiño buscan o dobrete
Gonzalo Lomba / Tomiño
A tempada toca ao seu fin e, como non podería ser doutro xeito logo dun curso espectacular, rematámola por todo o alto. Logo da final de Copa xogada polos Benxamíns 'B' a pasada semana, este sábado tócalle aos nosos Xuvenís ‘A’ e Infantís que ademais buscan o dobrete, cada un o seu!
O Federativo de Coia tinguirase de vermello este sábado 2 pola tarde para animar a dous dos equipos que máis nos fixeron desfrutar este ano. Para animar a afección a acompañar aos rapaces, a A. D. Tomiño freta dous autobuses que sairán do Centro Deportivo VYP ás 14:30 o primeiro e ás 15:30 o segundo; o prezo é de 4€ por persoa e as prazas son limitadas.
En autobús ou en coche, ás 16:30 hai que estar preparados pois dará comezo a primeira final, a que medirá aos nosos Infantís coa Asoc. Dep. A Cañiza. Os de Nacho, que xa gañaron ao seu rival durante o torneo regular, non deben confiarse e terán que botar man de toda a súa intensidade e, sobre todo, bo fútbol, para conseguir a guinda a unha grandísima temporada.
Case sen tempo para tomar folgos volveremos a darlle uso ás nosas gorxas para animar aos Xuvenís ante o Erizana C.F. O rival dos nosos rapaces non fixo unha temporada moi brillante pero aínda así foi capaz de gañarlles aos nosos campións un dos partidos e prantáronse na final de Copa con total merecemento. Os rapaces adestrados por Merino e Bojan, logo da xesta do ascenso, teñen a oportunidade de pechar o curso como se merece e, de seguro, non se gardarán nada na caseta.
Este sábado imos todos a animar aos nosos equipos: unha temporada espectacular merece un final á altura. Go reds!
Ningún comentario:
Publicar un comentario