25 de xuño de 2018

AS NEVES

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MELLORARÁ A CONTORNA DA IGREXA DE SANTA MARTA DE RIBARTEME EN AS NEVES CUN PROXECTO DE PRETO DE 200.000 €  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que se creará un espazo atractivo e seguro que porá en valor o edificio parroquial   

O proxecto, denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ ten un orzamento de licitación de 191.760,92 euros e está xa en fase de contratación por parte da Deputación
Infografía: D. P.

Infogauda / As Neves 

 A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai mellorar a contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme no Concello de As Neves cun proxecto de preto de 200.000 euros. Así o manifestou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen destacou que a actuación na estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide comprenderá 1.900 metros cadrados e buscará “crear un espazo atractivo, seguro e accesible, potenciando actividades e poñendo en valor a arquitectura do edificio parroquial e o propio espazo público”. 

 Segundo explica o deputado, o proxecto, denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ ten un orzamento de licitación de 191.760,92 euros e está xa en fase de contratación por parte da Deputación. A obra, solicitada polo alcalde para calmar o tráfico neste núcleo de centralidade da vila, terá un prazo de execución de tres meses logo do inicio dos traballos.   

 A Igrexa de Ribarteme é un polo de atracción dos veciños e veciñas, tanto nas festas patronais, como nos eventos relixiosos e a día de hoxe os vehículos circulan a velocidade inadecuada, sendo unmotivo de inseguridade peonil, ao tratarse de un centro de reunión da veciñanza. A EP-4201, que está pavimentada de aglomerado,está situada entre dos ámbitos de uso público, o adro da igrexa e o cemiterio e o torreiro de festas e unha zona verde, o que non ofrece seguridade para as persoas e as crianzas, que se moven dun lado ao outro nos diversos actos que acontecen.  

 A actuación na contorna da igrexa parroquial de Santa Marta de Ribartemepretende calmar o tráfico e mellorar a seguridade e a mobilidade peonil, poñendo en valor dun xeito sensible o espazo e o elemento protexido cunha praza frontal á igrexa pavimentada con adoquíns e bandas de pedra. Haberá tamén pavimentos de formigón coloreado nas zonas anexas á vía.  

 Aproveitando o proxecto, tamén se vai mellorar o entronque da estrada co paso cara ao núcleo de O Coto, modificando o radio de xiro e as rasantes para redondear o encontro coa estrada provincial. Dotarase de maior accesibilidade ao acceso á igrexa e ao cemiterio corrixindo as dúas ramplas de acceso ao adro dende a estrada, e renovarase a iluminación, deseñando luminarias específicas de balizamento sobre o pavimento, luminarias led pegadas aos muros de pedra, tiras de led empotradas nos bancos, luces para iluminar as fachadas da igrexa mediante proxección, e proxectores led para a imaxe granítica da Virxe sobre o muro de contención.  

 O resultado, segundo indica Benítez, será “un espazo público contemporáneo, no que se dilúe a traza da estrada, máis destinado ás persoas, e no que o uso peonil será o que porá en valor tanto a propia igrexa como o espazo, cunha iluminación que realzará as súas cualidades”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario